A Xunta convida a agasallar artesanía de Galicia e produtos do comercio de proximidade
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, animou hoxe a agasallar produtos de Artesanía de Galicia este Nadal, subliñando a calidade e a diversidade do sector artesán galego. Vázquez Abeal visitou, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, a feira Ofeitoamán, cita de referencia para o sector artesán nestas datas coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora un ano máis polo papel na promoción e comercialización da artesanía galega deste encontro.
O evento, que se celebra ata mañá na terraza exterior do Centro Comercial A Laxe de Vigo, é organizado pola Asociación Galega de Artesáns (AGA), e acolle unha ampla mostra de artigos de produción artesá de 19 obradoiros artesáns, procedentes de toda Galicia e Portugal, e de actividades tan variadas como a xoiaría, o traballo do coiro, a fabricación de calzado, o vidro, os complementos, elementos de papel, o téxtil ou a cerámica.
Vázquez Abeal e López-Chaves visitaron tamén o centro comercial aberto Zona Príncipe, onde salientaron a aposta polo comercio de proximidade en datas tan significativas para o sector, e que supoñen un importante impulso ao mesmo.
A directora xeral de Comercio e Consumo sinalou tamén que Zona Príncipe é un exemplo de como o comercio de proximidade contribúe á dinamización das rúas das vilas e cidades galegas. Neste sentido, destacou o importante labor de impulso que desenvolven asociacións como Zona Príncipe, resaltando o apoio da Xunta ao asociacionismo comercial vigués, ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu o ano pasado apoios por un total de preto de 190.000 euros, dos cales se benefician, ademais de Zona Príncipe, os centros comerciais abertos de Zona Centro, As Travesas, O Calvario e Teis, e as asociacións de praceiros dos mercados do Calvario, O Progreso, Teis e As Travesas.











