A Xunta avoga pola eficiencia enerxética como clave para un turismo sostible respectuoso co medio ambiente

Ángel Bernardo Tahoces na súa intervención no seminario. Foto: X. Crespo
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou hoxe en Santiago na inauguración do seminario A eficiencia enerxética en hoteis e actividades turísticas, organizado pola Fundación Gas Natural Fenosa, onde destacou que a Xunta avoga pola eficiencia enerxética para lograr un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente.
Bernardo Tahoces salientou a importancia de seguir dando pasos para pasar dun turismo responsable a un turismo sostible e, para iso, explicou que se deben cumprir tres factores: respecto ao medio ambiente, respecto e disfrute da realidade local e contribución ao desenvolvemento económico da localidade de destino. “A eficiencia enerxética contribúe á sostibilidade económica e medioambiental do sector turístico porque conseguir a eficiencia enerxética é conseguir aforros económicos e melloras medioambientais”, engadiu.
Así mesmo, o director xeral apuntou a importancia de loitar por un sector turístico libre de carbono, máxime cando existe un novo perfil de turista, que é o que busca calidade ambiental e social. Neste senso, lembrou que a iniciativa europea Nearly Zero Energy Hotels, posta en marcha desde hai 3 anos, ten como obxectivo converter os hoteis en edificios de enerxía case nula para o que se ofrece asesoramento técnico aos hoteleiros comprometidos; a mostra dos proxectos emblemáticos dentro do sector hoteleiro en Europa; e o desenvolvemento de actividades de formación e capacitación na edificación.
“O futuro do turismo passa pola sostibilidade”, afirmou o director, quen puxo en valor un estudo efectuado por TripAdvisor que indica que o 86% dos españois consideran que os hoteis deberían implementar medidas destinadas a convertelos en aloxamentos máis sostibles.
Neste ámbito, o director xeral lembrou que A Consellería de Economía, Emprego e Industria continúa a impulsar o seu compromiso coa eficiencia enerxética. En concreto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas vén de resolver unha nova convocatoria a través da que concede axudas para 198 proxectos industriais e de servizos, cun importe total de 5,4 millóns de euros, o que permitirá a mobilización de 31 millóns, un aforro estimado ao conxunto dos beneficiarios de 6 millóns ao ano e a redución das emisións de CO2 en 10.700 toneladas anuais, o equivalente a plantar 537.000 árbores.
Por último, Bernardo Tahoces destacou a importancia de levar a cabo seminarios como o organizado hoxe en Santiago pola Fundación Gas Natural Fenosa.











