publicidade hoxe

A instalación de equipos máis modernos demostra a aposta do balneario de Mondariz pola eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondariz-BalnearioPontevedra
A-
A+
Ángel Bernardo Tahoces na visita ás instalacións do Balneario de Mondariz

Ángel Bernardo Tahoces na visita ás instalacións do Balneario de Mondariz

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, destacou durante a súa visita de esta mañá ás instalacións do Balneario de Mondariz o compromiso desta empresa polo aforro e a eficiencia enerxética a través dun novo proxecto que contou coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e que permitiu a modernización dos equipos para deshumidificar e de refrixeración, ademais de implantar un sistema de control do consumo enerxético.

Bernardo Tahoces sinalou que as obras executadas polo Balneario de Mondariz demostran a importancia de desenvolver medidas que favorezan a promoción da eficiencia enerxética no sector industrial galego. En concreto, substituíronse dous equipos de deshumificación e dous de refrixeración, e instalouse un sistema de medición do consumo enerxético para que se poida cuantificar o gasto en enerxía dentro da instalación cunha maior precisión.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coa empresa nesta iniciativa que contribúe a impulsar a súa competitividade ao tempo que supón unha mellora ambiental. En concreto, a Xunta concedeu unha axuda de 100.000 euros para a execución do proxecto, que permitirá ao Balneario de Mondariz un aforro enerxético de 455.000 kWh ao ano, é dicir, o equivalente ao 58% do seu consumo inicial.

O director xeral de Enerxía e Minas lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, ten entre os seus compromisos impulsar a eficiencia enerxética. De feito, vén de resolver unha nova convocatoria a través da que concede axudas por valor de 5,4 millóns de euros para a execución de 198 proxectos na industria e o sector servizos en Galicia, o que permitirá a mobilización de 31 millóns de euros, un aforro estimado ao conxunto dos beneficiarios de 6 millóns ao ano e a redución das emisións de CO2 en 10.700 toneladas anuais, o equivalente a plantar 537.000 árbores.

Trátase da segunda convocatoria destas características resolta este ano polo Inega, tras as axudas concedidas en xuño por importe de 5,3 millóns. En total, entre ambas resolucións, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aporta 10,7 millóns para impulsar 429 proxectos que mobilizan máis de 60 millóns de euros, que reducirán as emisións de CO2 en máis de 21.000 toneladas -o equivalente a plantar más dun millón de árbores-, permitirán aforrar ao redor de 12 millóns en abastecemento enerxético e suporán a creación de 500 empregos, entre postos directos e indirectos.

Este programa de axudas, tal como sinalou Bernardo Tahoces, contribúe ao impulso da competividade na industria e o sector servizos, reducindo os custos enerxéticos e adquirindo equipos más eficientes que introducen melloras a nivel tecnolóxico, dentro da liña fixada na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

Por último, o director xeral lembrou que a Xunta está a impulsar, tamén neste balneario, unha rede de calor con biomasa que supón un aforro enerxético en combustible de 80.000 euros anuais. Para a posta en marcha da nova infraestrutura, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou 200.000 euros a través da liña de apoios promovida polo Inega. O district heating cobre a demanda térmica dos tres edificios do Balneario, satisfacendo as necesidades de produción de auga quente sanitaria e a climatización das piscinas do denominada Palacio del Agua.

2 de xaneiro de 2017 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.