publicidade hoxe

A Festa de Reis encherá de sorpresas e ilusión os pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Un ano máis os Reis Magos pasarán por Ames antes de repartir os agasallos que cada neno e nena lles pediu nas cartas que escribiron previamente. Para recibir aos Magos de Oriente o Concello de Ames desenvolverá unha gran festa que este ano recolle varias novidades. Deste xeito, non haberá cabalgata polas rúas amesás. O vindeiro xoves, 5 de xaneiro, farase unha recepción real nos pavillóns polideportivos do Milladoiro, ás 18:00 horas, e de Bertamiráns, ás 18:30 horas, cunha gran festa de luz e de son. Ademais, haberá varios espectáculos sorpresa.

A poucos días para que os Reis Magos Magos fagan entrega dos agasallos que cada neno e nena lles pediu, Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán por Ames para saudar a todos os rapaces e rapazas e darlles caramelos e algunha que outra sorpresa. Para recibir as súas Maxestades de Oriente o Concello de Ames desenvolverá unha gran festa á que poderán acudir tanto nenos/as coma adultos.

Farase unha recepción real cun gran espectáculo de luz e son. Ademais, haberá varias actuacións sorpresa que non se desvelarán ata o propio día da festa. Os e as asistentes á dita festa poderán fotografarse nun photocall iluminado que se instalará en cada un dos pavillóns e ao final do acto servirase chocolate e rosca para todos os veciños e veciñas que acudan aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro. Mais de 90 minutos de entretemento a cuberto e no que tamén se entregarán os premios do concurso de cartas de Nadal.

Concurso de cartas de Nadal
Por segundo ano consecutivo, os Concellos de Ames, Teo e Santiago puxeron en marcha de forma conxunta, e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que os cativos e cativas piden os agasallos. Nesta edición co lema Conto, canto o Nadal animaron ás crianzas a usaren o galego e falaren coa xente máis vella da súa contorna para descubriren como era o Nadal doutrora. Todo o descuberto (cantos, contos, xogos, tradicións, costumes, receitas propias desta época…) puidérono compartir cos magos nunha carta da forma que eles ou elas consideraron: escribindo, debuxando, pintando, decorando…

Para participar nesta actividade hai que deixar as cartas nas caixas de correo instaladas nos locais municipais (Casa do Concello, Casas da Cultura e Biblioteca) e o prazo permanecerá aberto ata mañá martes, 3 de xaneiro (incluído). Todos os nenos e nenas que participen e que indiquen o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta na súa casa cun fermoso agasallo de agradecemento.

As cartas máis orixinais serán premiadas na Festa de Reis. Haberá seis premios (tres en Bertamiráns e tres no Milladoiro) para as cartas máis interesantes e creativas e algunha delas ilustrará a programación de Nadal do ano vindeiro. Para elixir as cartas premiadas valorarase a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade. 

2 de xaneiro de 2017 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.