A exposición “V15iones” achéganos 15 fotografías con historias de superación persoal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, acudiu esta mañá á inauguración ante os medios da exposición V15iones, historias de superación persoal, que organiza a Fundación Sifu.

A exposición estará no CSC do Ensanche ata o próximo 30 de xaneiro e a entrada é de balde. Nela poderán verse 15 fotografías nas que se amosan persoas con discapacidade realizando diversos oficios. Concha Fernández agradeceu ao grupo Sifu “ter elixido Compostela como a seguinte cidade na que poidamos gozar dunha exposición que leva máis dun ano percorrendo diferentes urbes do estado” e fixo un chamamento “pola inclusión das persoas con diversidades”.

A mostra está formada por 15 instantáneas e xa pasou por cidades como Granada, Barcelona, Santander, Mataró, Málaga, Zaragoza… Está previsto que a próxima parada sexa no mes de febreiro en Lleida.

Fundación Grupo Sifu

Sifu é unha entidade sen ánimo de lucro para a inclusión social nacida en 2006 no seo do maior centro especial de emprego do eido estatal: o Grupo Sifu. O seu obxectivo é promover a plena integración das persoas con diversidades funcionais e contribuír ao seu benestar co firme compromiso de concienciar á poboación das dificultades para a súa integración.

18 de xaneiro de 2017 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.