A Eurocidade Tui-Valença prepárase para recibir aos Reis Magos
A Eurocidade Tui-Valença prepárase para recibir este xoves aos Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar, nunha cabalgata internacional que percorrerá as dúas cidades nun traxecto de preto de catro quilómetros entre dous países. A comitiva real partirá ás 17 hora española dende o Albergue de Peregrinos de San Teotonio en Valença e está previsto que dúas horas despois, ás 19h, chegue ata o Belén Vivinte situado baixo carpa no Paseo da Corredoira de Tui fronte ao Seminario Menor.
Abrirá o percorrido a GNR e a Policía Local de Tui seguidos da rondalla do Centro Cultural O Mosteiro de Pexegueiro, do tren turístico da Eurocidade, dun camión dos Bombeiros Voluntarios de Valença, dunha unha carroza alegórica da Cámara Municipal de Valença. A comitiva real proseguirá coas carrozas elaboradas polas asociacións culturais Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei, e Xuntanza de Randufe. Mentres Melchor, Gaspar e Baltasar, xunto aos seus paxes irán en tres magníficas carrozas elaboradas por persoal do Concello de Tui. Pecharán a cabalgata outro dos camións do Bombeiros Voluntarios de Valença, a ambulancia da Cruz Vermelha Portuguesa.
Por oitavo ano consecutivo o punto de partida será no Albergue de Peregrinos de Valença na rúa José Maria Gonçalves, para continuar polas avenidas dos Bombeiros Voluntarios e de Espanha, e atravesar a vella Ponte Internacional, un dos momentos emblemáticos desta cabalgata. Xa en Tui o percorrido proseguirá pola avenida de Portugal, rúa Martínez Padín, Augusto González e Paseo da Corredoira. O remate será fronte ao Seminario Menor, onde por segundo ano, estará situado o Belén Vivinte no que os Reis Magos farán a súa ofrenda e darán lectura á mensaxe real. Logo Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán con caramelos sengluten – repartiranse mil quilos en todo o percorrido – e recibirán a todos os nenos que desexen saudalos baixo a carpa de 40 por 10 metros instalada para a ocasión.
Mickey e Minie Mouse agardarán cos nenos a chegada dos Reis Magos
Previamente á chegada dos Reis Magos, e para facer máis amena a espera aos cativos, de 18.30h a ás 20:30h na Praza da Inmaculada estarán Mickey e Minie Mouse.
Visita ás residencias Paz e Ben e San Telmo
Melchor, Gaspar e Baltasarxunto á Rondalla do Centro Cultural O Mosteiro de Pexegueirovisitarán o xoves ás 10.30h aos maiores que viven na residencia Paz e Ben e ás 11.30h na residencia San Telmo.
A Cabalgata Internacional de Reis está organizada pola Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui conxuntamente coa Cámara Municipal de Valença, dentro das actividades da Eurocidade Valença-Tui. Colaboran a Radio Municipal de Tui, o Grupo Scout Alhoia, as asociacións culturais Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Xuntanza de Randufee a Policía Local, por parte tudense, e a GNR, e Bombeiros Voluntarios de Valença.
Restricións no tráfico
Debido á celebración da Cabalgata de Reis haberá restricións de tráfico nas rúas por onde transcorre. Dende ás 14h non se poderá estacionar na avenida de Portugal, Martínez Padín e Augusto González Besada. Amais aproximadamente ás 18h, cortarase o tráfico na Avenida de Portugal, sendo desviado pola A55, e a medida que a cabalgata se aproxima ao centro urbano será cortado o tráfico en Martínez Padín, Augusto González Besada e Paseo da Corredoira. A circulación desviarase na intersección entre Augusto González Besada e a rúa Betanzos cara a Avenida da Concordia. Encargaranse de regular o tráfico cinco efectivos de Policía Local de Tui.
Cabalgata Internacional de Reis
Xoves, 5 de xaneiro de 2017
– Ás 17 hora española do Albergue de Peregrinos de San Teotonio en Valença
– Ás 18h atravesará pola vella Ponte Internacional
– Ás 19h diante do Seminario Menor no Paseo da Corredoira en Tui