A Deputación presenta unha Rede Cultural 2017 renovada cos circuítos “Escena ao Vivo”, “Visións” e “Alicerce”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

Un total de 1.300.000 euros é o orzamento que a Área de Cultura da Deputación da Coruña destina á Rede Cultural nunha nova edición que presenta importantes novidades, como unha maior axilidade na tramitación e unha división clara entre o ámbito profesional e o amador. A Rede é unha das principais ferramentas para a programación cultural, en especial, dos concellos pequenos e medianos. O prazo para se inscribiren as compañías remata o 20 de xaneiro.

A Deputación da Coruña presenta unha nova convocatoria da Rede Cultural na que se inclúen importantes novidades a respecto da anterior edición, en especial, unha máis clara diferenciación dos ámbitos profesionais e amador, como reclamaban as asociacións profesionais, e unha maior axilidade con importantes melloras para garantir a calidade do funcionamento.

Desta maneira, a Rede Cultural inclúe tres programas diferenciados, dous dedicados ao ámbito profesional e outro ao non profesional con perfís claros e novas denominacións. Destinados a concellos e dentro da categoría profesional preséntase “Escena ao Vivo” que agrupa a programación de música, danza, teatro e monicreques e “Visións”, que promove a difusión de cinema e contidos audiovisuais para os concellos, tamén na categoría profesional. O terceiro programa, “Alicerce” agrupará os grupos de música, danza e teatro non profesionais destinados á programación en concellos e entidades.

A Área de Cultura da Deputación destina un orzamento de 1.300.000 euros para dotar unha Rede Cultural que gaña tamén en axilidade cunha gran simplificación da tramitación, unha das demandas tanto de entidades como das asociacións representantes dos sectores profesionais de artes escénicas e audiovisuais.

“Fíxose un esforzo importante por eliminar a excesiva burocratización administrativa mantendo o rigor para procurar unha maior axilidade que era unha das demandas dos sectores profesionais consultados ao igual que unha clara distinción dos ámbitos profesionais e amadores que se consegue co novo formato de Rede”, explica Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña. A convocatoria da Rede Cultural -que sae este luns día 9 de xaneiro publicado no BOP- é tamén coidadosa á hora de poñer como requisito o cumprimento das obrigas legais e laborais tanto por parte de concellos como de entidades, garantindo así condicións respectuosas e acaídas para as distintas programacións.

“O diálogo cos sectores implicados foi fundamental para mellorar o funcionamento e o seguimento da rede. Quixemos coñecer as debilidades para superalas e dar pasos adiante nunha ferramenta que é fundamental para a creación de públicos, para a dinamización do sector da cultura escénica e audiovisual e para a difusión da nosa cultura, de maneira singular nos concellos pequenos e medianos que poden, desta maneira, ofrecer unha programación cultural de calidade”, engade Goretti Sanmartín Rei da nova convocatoria

Na pasada edición subvencionáronse 1.425 solicitudes de espectáculos dos que 473 foron para entidades e 952 para concellos que optaron por programar 701 espectáculos profesionais e 251 non profesionais. Grazas á Rede Cultural da Deputación, programáronse nos concellos 183 concertos musicais, 208 espectáculos de teatro e monicreques, 146 actuacións de danza e 164 funcións de cinema dentro do ámbito profesional.
Os circuítos culturais da Deputación supoñen un espazo de programación xerador de públicos que, nesta nova edición, intensificarán a introdución de recollida de datos de control, elaboración de informes e seguimento da difusión realizada por concellos e entidades co fin de continuar na mellora do seu funcionamento.

A Rede Cultural funciona como un espazo de contratación no que os concellos e entidades da provincia da Coruña escollen as súas propostas de programación que son cofinanciadas pola Deputación. Como funcións principais desde a Deputación destacan, de cara aos concellos, a súa contribución a xerar oferta cultural no territorio e, de cara ás compañías de artes escénicas, as posibilidades de contratación a través deste circuíto.

9 de xaneiro de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.