publicidade hoxe

A Deputación financia a reforma da Casa da Cultura e a piscina municipal de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaNeda
A-
A+

A Deputación da Coruña financia, a través do seu Plan de Acción Social (PAS), unha serie de obras para mellorar as dotacións municipais do concello de Neda, entre as que se atopan as reformas que xa están a comezar na Casa da Cultura, a piscina e o acceso á pista polideportiva de O Roxal.
Dos máis de 187.197 euros que o PAS deixa no concello de Neda, 52.468 destínanse a un proxecto para adecuar a Casa da Cultura ás necesidades das persoas con discapacidade.

A remodelación inclúe a demolición parcial dos aseos da planta baixa que dan servizo á biblioteca para dotalo das condicións necesarias para o seu uso por persoas con calquera tipo de diversidade funcional. No primeiro andar do inmoble tamén se actualizará outro aseo, habitualmente utilizado polo persoal das oficinas.

Así mesmo, eliminarase a mampara que divide a zona de oficinas do espazo público no que se atopan as aulas e o acceso ao salón de actos, para que os usuarios dos mesmos poidan tamén facer uso do novo aseo adaptado.

En canto ao salón de actos, procederase á eliminación do revestimento de corcho, así coma os aerotermos totalmente obsoletos e a iluminación do recinto, co obxectivo de crear unha nova superficie de tarima flotante sintética e instalar novas luminarias de maior eficiencia enerxética.
As obras tamén favorecerán o uso do escenario por persoas con mobilidade reducida, incrementar a superficie do mesmo nun metro e substituíndo as escaleiras da esquerda por unha rampla, mentres que nas da dereita se instalará un pasamáns. Por último, procederase ao pintado das paredes e do teito e rematarase o fronte do escenario.

Remodelación das instalacións da piscina municipal

Doutra banda, o concello de Neda recibiu 35.733 euros do Plan de Acción Social para acometer unha serie de reformas nas instalacións da piscina municipal, situada no Relleno dos Subarreiros.

Os traballos inclúen a reforma completa dos vestiarios e duchas, substituíndo o solado existente por outro de tipo vinílico. Tamén se renovarán os teitos colocando pranchas de cartón e xeso que ofrecerán un correcto illamento ás instalacións. Posteriormente, procederase ao pintado dos vestiarios.
No exterior, pintarase o formigón da piscina, substituirase solado existente por formigón impreso e repararase o peche cambiando a madeira por PVC pintado e a malla metálica por outra de tipo hércules.

Nova pavimentación en O Roxal

Outra das obras financiadas pola Deputación que están a comezar no concello de Neda é a pavimentación do camiño de acceso á pista polideportiva cuberta de O Roxal, á que se destinan 31.526 euros.

Este camiño ten unha importancia clave para o municipio, xa que conduce do cruce no Roxal ao encontro entre o vial provincial CP-5503, o vial autonómico AC-121 e o viario municipal que conecta á pista polideportiva e a varias vivendas, volvendo a entroncar posteriormente coa zona de Gandarela.

Os traballos inclúen a aplicación de mestura bituminosa en quente, que evitará o continuo deterioro causado pola infiltración de auga. Os fondos provinciais tamén financia a limpeza das cunetas e o rebacheo das superficies do firme actualmente deterioradas.

Este proxecto permitirá favorecer o acceso ao único espazo deportivo cuberto no termo municipal de Neda, xunto co pavillón de San Isidro. Asemade, o vial dará servizo aos veciños das parroquias de Anca e Viladonelle, e poderá empregarse como acceso para os usuarios de calquera zona do municipio de Neda.

20 de xaneiro de 2017 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.