publicidade hoxe

A Deputación destina 475.000 euros para a mellora dos locais sociais e camiños en Monfero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMonfero
A-
A+

A Deputación da Coruña financia con 475.841,87 euros, a través do Plan de Acción Social (PAS), a rehabilitación e acondicionamento dos locais sociais de Vite, Xiao e Xestal, así como a pavimentación de varios camiños do núcleo rural do concello de Monfero.

Con estes fondos, o Concello de Monfero levará a cabo as obras de renovación dos locais sociais do municipio, que teñen como obxectivo mellorar as condicións actuais da infraestrutura, e ofrecer así un mellor servizo aos veciños usuarios do centro. Os traballos nos distintos locais contemplan unha completa renovación que inclúe a substitución do tellado, a limpeza de fachadas e a instalación dunha baixante pluvial, entre outras actuacións, cunha dotación orzamentaria de 165.580,43 euros.

Co fin de mellorar o tránsito dos viandantes tamén se procederá a pavimentación de dez camiños municipais, entre eles os de Abercobo e Goente (Vilachá), de Portocobo a Pradagrande (Queixeiro), de A Rocha, Ferro e Escoitadora (Alto Xestoso), para os que o ente provincial destinará 149.265,85 euros. As obras incluirán a limpeza de calzadas e cunetas, o bacheo dos camiños, a colocación de sumidoiros e a apertura de curvas en certos tramos das estradas coa finalidade aumentar a súa visibilidade.

O PAS permitirá tamén mellorar a capa de rodaxe doutras sete pistas municipais no Alto do Xestoso, Val Xestoso, Santa Xía, San Fiz e Queixeiro, nos camiños da Calvela, O Sisto, Framelle ou Albite, para os que se destina unha partida de 102.677.20 euros. Neste caso, procederase a reparar os tramos máis deteriorados, repavimentando os baches e mordentes afectados.

Autobús adaptado

As actuacións completaranse coa adquisición dun autobús para o concello de Monfero, por valor de 58.318,39 euros, dotado con 22 prazas e adaptado para transporte de persoas con mobilidade reducida, que terá como obxectivo trasladar aos veciños do municipio que o precisen ao centro médico ou outros puntos do municipio.

O autobús permitirá o traslado entre diversos puntos dos veciños nun municipio que, como moitos no rural coruñés, caracterízase pola súa importante extensión (172 quilómetros cadrados) e a baixa densidade de poboación (12 habitantes por quilómetro cadrado), facilitando ademáis os desprazamentos da xente de idade avanzada ou con dificultades de mobilidade, pois conta con prazas adpatadas.

Estas accións, incluídas dentro do Plan de Acción Social (PAS), posto en marcha pola Deputación, amosan o compromiso da institución provincial cos núcleos rurais dos pequenos concellos coruñeses, e buscan facilitar as comunicacións viarias aos veciños nos lugares da contorna, mellorando así as súas condicións de vida.

13 de xaneiro de 2017 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.