A Deputación da Coruña promociona tres camiños de interese turístico en Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Camiño Inglés, o Camiño Fisterra-Muxía e o Camiño de Santo André de Teixido serán os protagonistas da presenza da Deputación da Coruña na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se celebra no Ifema de Madrid do 18 ao 22 de xaneiro de 2017.

O día da apertura, ás 10:30 horas da mañá, a área de Turismo da Deputación da Coruña presentará no Pavillón Audiovisual de Galicia a súa proposta para Fitur que, nesta edición, céntrasese na promoción de tres camiños históricos de grande potencialidade turística. “Camiños de A Coruña” é o título da mesa organizada pola área de Turismo da Deputación da Coruña para presentar os tres camiños na programación oficial da Feira Internacional de Turismo na que intervirán o Deputado Antonio Leira que, coa intervención “2017, Ano do Camiño Inglés”, afondará nunha ruta que é o protagonista da conmemoración neste ano; o presidente da Fundación santo André de Teixido que presentará o Camiño de Santo André de Teixido e o secretario da Asociación Solpor que rematará a sesión facendo unha presentación da credencial do Camiño Fisterra-Muxía.

“A Deputación segue a investir en produtos turísticos relacionados cos camiños da provincia que, por outra parte, son focos de atracción turística de crecente intensidade e, por iso, quixemos facelos protagonistas da nosa presenza en Fitur”, sinalou o deputado de Turismo, Xosé Regueira.
Ademais de promocionar dúas rutas xa asentadas como son o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, a Deputación da Coruña destacará as potencialidades do Camiño de Santo André, unha ruta que foi recentemente acondicionada e sinalizada e que está chamada a ser referencia en sendeirismo de grande recorrido. “O Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía están xa consolidados e son focos de atención continuada e o do Medievo temos certeza de que desenvolverá nun futuro próximo todas as súas potencialidades”, explicou o responsable de Turismo dun camiño que atravesa, entre outros, monumentos históricos como o castelo de Naraío, o mosteiro de Monfero, o mosteiro de Caaveiro e o castelo de Moeche.

“Desde a Deputación mantivemos unha reunión coa Axencia Turismo de Galicia para que os investimentos na potenciación dos camiños sexan coordinados por parte de todas as administracións implicadas e agardamos que así sexa para promocionar conxuntamente estes produtos turísticos de grande calidade paisaxística, cultural e monumental”, explica Xosé Regueira.

Desde A Coruña e Ferrol

Na intervención “2017, Ano do Camiño Inglés”, o deputado Antonio Leira fará especial fincapé nas actividades de promoción que se están a realizar en Inglaterra como foco potencial da peregrinaxe por esta ruta histórica. Cun trazado que se desenvolve na súa integridade na provincia da Coruña, o Camiño Inglés conta, grazas ao investimento da Deputación, cun trazado identificado e completamente sinalizado desde os seus puntos de partida na Coruña e Ferrol.

A ruta que parte de Betanzos e ten a súa finalización no Santuario de San André de Teixido terá, a través do presidente da Fundación Santo André de Teixido, a posibilidade de darse a coñecer despois dun profundo traballo promovido pola Deputación da Coruña de acondicionamento e sinalización dun trazado do que se está a tramitar a súa homologación oficial como ruta de sendeirismo de gran recorrido, condición singular nos trazados galegos polas condicións que require.

Novas credenciais

Finalmente, Jesús Picallo, secretario da Asociación Solpor, presentará en Fitur a “Fisterrana” e a “Muxiana”, dúas novas credenciais que acrediten a realización do camiño até estes dous puntos xeográficos que van máis alá de Compostela. Na credencial incorporáronse debuxos e acuarelas cedidas por José Manuel Yáñez e un pequeño mapa orientativo ademais de información que indican como conseguir a Fisterrana e a Muxiana. Desde a Asociación Solpor defenderán a vontade de que a credencial se convirta nun obxecto valorado e testemuño da realización da ruta que conduce até o coñecido como Fin do Mundo na antigüidade e a necesidade de diferenciar a ruta dos restantes itinerarios xacobeos.

As actividades da Deputación da Coruña desenvólvense no Pavillón de Galicia en Fitur. Ademais da presentación de promoción dos tres camiños, a Deputación difundirá os seis xeodestinos de especial interese da provincia como son “Rías Altas: Ferrolterra e Eume”, “Rías Altas: A Coruña e As Mariñas”, “Costa da Morte”, “Terras de Santiago”, “Rías Baixas: Ría de Muros e Noia” e “Rías Baixas: Ría de Arousa Norte”.

Como na anterior edición, o deputado responsábel da área, Xosé Regueira, desenvolverá no marco de Fitur unha ampla axenda con diversos encontros profesionais encamiñados a promocionar os distintos destinos turísticos ademais de establecer contactos con empresas, entidades, medios especializados e revistas profesionais do sector.

13 de xaneiro de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.