A Deputación da Coruña leva a oferta gastronómica dos concellos coruñeses a Xantar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Turismo da Deputación da Coruña volve á Feira e Turismo Gastronómico de Ourense, Xantar, cun intenso programa de mostras e degustacións dalgúns dos principais e singulares produtos gastronómicos dos concellos. Do bolo do pote de Mazaricos á torta de Ortigueira, pasando polos pementos de Herbón ou os “pinchos irmandiños” de Vimianzo degustaranse neste escaparate do turismo gastronómico.

Do 1 ao 5 de febreiro desenvólvese no recinto feiral de Expourense a XVIII edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico no que a área de Turismo da Deputación da Coruña conta cun espazo propio en que se desenvolverá un intenso programa ademais de ofrecer información gastronómica dos concellos con folletos e vídeos dos produtos representativos e as súas festas.

O deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, explicou a vontade de aproveitar Xantar como un “importante escaparate da oferta gastronómica de calidade que é un dos principais atractivos para persoas que buscan un turismo de calidade e sustentábel que é polo que apostamos. No Salón mostraremos o alto nivel da nosa gastronomía e os nosos produtos”.

Xosé Regueira destacou o entusiasmo dos concellos que participan con propostas que recuperan a súa tradición gastronómica, enxalzan os produtos da zona e apostan tamén pola modernización da cociña propia. “Como na anterior edición, apostamos porque os concellos sexan quen fagan as súas propostas e o resultado é un abano de grande interese con elaboracións ao vivo de propostas de alto interese turístico e de orgullo da cultura gastronómica de cada un dos municipios”, sinalou o deputado ao tempo que fixo especial fincapé en propostas como a recuperación do bolo do pote de Mazaricos, a iniciativa dos “pinchos Irmandiños” de Vimianzo ou as filloas de Zas, entre outras que integran o programa oficial de Xantar.

Cociña ao vivo

A Deputación da Coruña inclúe no programa de showcookings no espazo de showcookings, a Deputación promove as presentacións de cinco concellos dos que se elaborará ao vivo o seu máis representativo. O venres, as 20:30 o concello de Vimianzo organiza a elaboración en directo dos “Pinchos Irmandiños” pero o sábado será o día forte con catro demostracións. Ás 12:00 o concello de Oroso será o protagonista coa súa festa de interese turístico de Galicia “Troitas de Oroso”, e de seguido, as 13:00 Mugardos fará o relevo coa demostración en directo da elaboración do Polbo á Mugardesa, centro dunha das festas gastronómicas de interese turístico.

O Bolo do Pote de Mazaricos volve a Xantar ás 15:00 no programa espazo showcookings, acompañado, desta volta, coa carne a pedra e pan do concello. As filloas de Zas pecharán a participación da Deputación da Coruña nas elaboracións ao vivo que son un dos principais atractivos da feira.
No posto da Deputación da Coruña realizaranse ao longo das xornadas que dura a feira degustacións de produtos como o vermú Petroni de Padrón xunto coa marmelada de pementos de Herbón, manteadas e mel de as Pontes de García Rodríguez, iogures de Touro, torta de Ortigueira, ou champiñóns de Ordes.

Día da Coruña

O sábado será, ademais, o día dedicado á Coruña, compartindo xornada coa Cámara Municipal de Esposende, a Cámara Municipal de Felgueiras, o concello da Veiga, o de Arnoia o de Viveiro e a Fundación de Amigos de Galicia. O acto central, no que intervirá a vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín, terá lugar ás 13:00 e rematará cunha comitiva polos postos das entidades que se expoñen ese día.

A Deputación repite a experiencia de Xantar despois de que o ano pasado fose premiada coa “Mellor acción promocional en materia de turismo”.

O 18º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, ten lugar en Ourense do 1 ao 5 de febreiro con máis de 200 experiencias enogastronómicas e turísticas e 232 expositores, un 10% máis que o ano anterior. Ademais dos expositores galegos, en Xantar danse citas propostas de España, Portugal, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguay, Francia, Perú, Cuba e Arxentina con Panamá como país convidado.

31 de xaneiro de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.