publicidade hoxe

A Deputación da Coruña leva a Cerceda e Coristanco “Cousas” de Castelao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCercedaCoristanco
A-
A+

Cerceda e Coristanco serán as próximas citas de “Cousas” de Castelao, representada por “Os Quinquilláns” na xira promovida pola Deputación da Coruña.

O día 15 ás 18:00 horas no Auditorio Municipal de Cerceda e o día 16 ás 11:00 na Casa da Cultura de Coristanco terán lugar as novas citas do espectáculo “Cousas” de Castelao que a Deputación da Coruña leva por dez concellos da provincia. San Sadurniño, Camariñas e Mazaricos pecharán a xira que visitou xa Brión, Cedeira, Padrón, Vilasantar e Laxe.

Castelao escribiu e ilustrou “Cousas” mais faltoulle levar estas creacións orixinais a escena. A Deputación da Coruña achega agora a obra ao teatro da man da compañía “Os Quinquilláns” nunha proposta teatral e literaria que pon o ramo ao Ano Castelao.

Unha dimensión teatral e outra literaria conforman o contido do programa que leva a obra “Cousas” de Castelao a dez concellos. O espectáculo da compañía “Os Quinquilláns” vai acompañado dun exemplar dunha das obras claves da nosa literatura que se repartirá ao público asistente nun programa que nace en colaboración coa Editorial Galaxia.

O programa busca tamén difundir a obra dun creador clave na cultura galega no fin deste 2016 que foi declarado Ano Castelao, despois de que a Academia de Belas Artes decidise dedicar ao autor o Día das Artes Galegas. Animar a ler, crear público para o teatro e promover a lingua son outros dos obxectivos da proposta da Área de Cultura da Deputación que nace en colaboración coa editorial Galaxia.

“Este programa pon o ramo á conmemoración do Ano Castelao por medio dunha das súas obras máis conmovedoras que chega agora á escena nunha iniciativa que levamos a dez concellos nun programa que busca non só difundir a obra senón tamén animar a ler e asistir ao teatro na nosa lingua”, sinala a responsábel das áreas de Cultura e Lingua da Deputación, Goretti Sanmartín.

A montaxe recolle todos os grandes temas de Cousas, desde a soidade ao amor pasando pola amizade, a solidariedade, a emigración, a xustiza social ou a enfermidade. O fío condutor do espectáculos de Os Quinquilláns son dous protagonistas, Teresa, a irmá máis nova de Castelao, e o veciño Xosé, mestre, historiador local, pintor e director da compañía de teatro de Rianxo. Son membros do grupo de teatro local que transforma algúns dos contos da obra de Castelao en pezas breves a través de técnicas como teatro de actores, de máscaras, de títeres, de obxectos, de sombras ou narración oral.

Os Quinquilláns Teatro, compañía que leva á escena “Cousas”, naceron a fins dos anos oitenta e teñen na súa traxectoria un amplo abano de propostas escénicas, tanto para público infantil como adulto. Entre elas, recentemente levaron por concellos e centros de ensino Espantallo amigo de Neira Vilas.

Lucho Penabade e Tero Rodríguez adaptan o texto de Castelao nunha proposta que tamén desenvolven en escena e que conta coa escenografía, atrezzo e iluminación de Pepe Penabade e o vestiario de Olga Vieites.

“Castelao foi un artista total, un creador absoluto. É difícil saber onde brillou máis o seu talento, se nas artes plásticas, na literatura, como ensaísta, como político ou no propio teatro”, din desde a editorial Galaxia que promoven a iniciativa para que estas historias “magnificamente sintetizadas en parágrafos brutais e líricos” cheguen agora a escena.

Próximas citas de “Cousas”

15/01/2017 CERCEDA Auditorio Municipal 18,00
16/01/2017 CORISTANCO Casa da Cultura 11,00
22/01/2017 SAN SADURNIÑO Casa da Cultura 18,30
29/01/2017 CAMARIÑAS Casa de Pedra 17,00
05/02/2017 MAZARICOS A Picota 17,00

13 de xaneiro de 2017 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.