A Deputación da Coruña financia con 86.000 euros as obras de acondicionamento en diversas áreas recreativas de Cerdido
A Deputación da Coruña destina 85.850,72 euros para varias obras de acondicionamento e mellora nas áreas recreativas de Os Carrís e O Castro, no Concello de Cerdido.
Os traballos inclúen o acondicionamento de viais, a creación dunha autoescola infantil, a rehabilitación da pista de baloncesto, a mellora da escola indiana, a instalación de bancos e papeleiras, e a limpeza e sinalización dos sendeiros existentes, entre outras accións.
Actuacións na area recreativa O Castro
Dentro do Plan de Acción Social (PAS) impulsado pola Deputación, recóllese este proxecto de actuación no Concello de Cerdido para o acondicionamento de áreas recreativas da zona dos Carrís, dotado con 49.429,72 euros.
Entre as obras de humanización do parque, atópanse a reparación de bancos, papeleiras, ou limpeza e sinalización de sendeiros da Fraga de Os Casás, unha paraxe natural de grande importancia paixasística e histórica, debido os vestixios arqueolóxicos existentes na zona.
No acceso ao recinto do Castro, a muralla que da entrada a esta área recreativa será limpada, xa que se atopa cuberta de vexetación. Ademais, cortaranse as árbores que impiden a súa visibilidade. Do mesmo xeito, procederase a unha correcta sinalización da mesma, como un apoio informativo engadido para os visitantes. Realizaranse varios traballos de reparación de lousas no pavimento do acceso, co obxectivo de garantir a seguridade dos viandantes
Na área de xogos retiraranse varios elementos como as antigas escaleiras de madeira que se atopan deterioradas, a caseta de madeira, xa que non está homologada e varios balancíns. Tamén se repararán diversas pezas de mobiliario como os bancos existentes, o pavimento de caucho e algunhas atraccións recreativas como o tobogán. A corda destinada a trepar pola rampa, o rocódromo, os columpios, e os tableiros do tellado, substituiranse por pezas novas.
Outra das actuacións importantes a realizar terá lugar na escola Indiana, onde se procederá a reparar o chan de madeira e a incluir unha nova sinalización informativa que permita destacar os elementos de importancia histórica da escola, co obxectivo de potenciar este enclave.
Na área recreativa da Fraga dos Casás, executaranse diferentes obras de rehabilitación de bancos, papeleiras, labores de limpeza e sinalización de sendeiros, coa finalidade de recuperar o aspecto inicial desta paraxe natural.
Autoescola infantil nos Carrís
En canto as áreas recreativas dos Carrís, o ente provincial financia con 36.421 euros o acondicionamento de viais, a creación dunha autoescola infantil, e a rehabilitación da pista de baloncesto, entre outras accións a desenvolver.
Unha das necesidades máis urxentes é a reparación do vial Z-107, no que se realizará un aporte de terra ao firme para unificar o talud e plantarase novas especies vexetais que axuden a consolidar o mesmo, co obxectivo de mellorar a circulación de acceso.
A autoescola infantil para os máis cativos consistirá nun circuíto de educación vial para nenos, no que se pintarán sinais no pavimento existente e sinais verticais móbiles, que serán colocadas cando se realicen as actividades. Para este fin, acondicionarase unha caseta para o albergue de todo o material de uso. Os cativos tamén poderán gozar cun Kart de pedais que será apto para nenos de 5 a 12 anos, e que permitirá que os alumnos desta autoescola, aprendan divertíndose. Na pista de baloncesto, pintaranse as liñas que delimitan o campo e remplazaranse as canchas actuais por outras novas.
As obras completaranse co andicionamento da área recreativa que se atopa xunto ao centro de saúde, onde se sustituirán os elementos danados, como o areeiro. Levaranse a cabo a limpeza profunda do chan de caucho, o acondicionamento de bancos, plantación de vexetación, que outorgarán un maior atractivo a esta zona de xogos.
Estas dúas intervecións teñen como obxectivo, non só mellorar a calidade de vida dos habitantes do municipio de Cerdido, senón tamén potenciar o uso dos novos elementos e dotalos dun carácter sostible no tempo, difundindo así o valor patrimonial do lugar, cunha grande importancia para toda a provincia.