publicidade hoxe

A Deputación da Coruña financia con 155.668 euros a construción da nova ludoteca en Porto do Son

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPorto do Son
A-
A+

A Deputación da Coruña destina unha partida orzamentaria de 155.668 euros, recollida dentro do Plan de Acción Social (PAS), impulsado polo ente provincial, para a realización das obras da nova ludoteca en Porto do Son, que se sitúa no Campo da Atalaia, dentro da gardería municipal, ao carón do concello.

Os traballos contemplan a construción da ludoteca na planta inferior da nova Escola Infantil, que aínda que é independente desta, ubícase nos dous módulos libres que se atopan no interior do centro. Resérvanse tamén dependencias para o voluntariado cunha zona de roupeiro e arquivo municipal.
Por outra banda, lévanse a cabo as labores de acondicionamento nos accesos e nas beirarrúas, nas caras leste e oeste. Dentro das obras de urbanización do entorno, inclúese a implantación de prazas de aparcamento nos accesos as novas dependencias, ofrecendo un servizo engadido aos usuarios.

Neste proxecto, inclúense tamén os traballos de axardinamento nos accesos á nova gardería, a reubicación da actual fonte, e a ampliación das beirarrúas da zona norte. As fachadas estarán compostas dunha estrutura de paneis prefabricados de formigón cuberto e no seu interior un trasdosado illante e termo-acústico. O acabado exterior será de aluminio e os vidros serán dobres, garantindo a súa estabilidade e as condicións térmicas axeitadas para controlar as perdas de calor. Ademais colocaranse bancos, de distintos materiais, diferenciando así os espazos, e substituirase a iluminación actual por outra nova.

Un espazo eficiente

A nova ludoteca contará cunha extensión de 203,36 metros cadrados e estará composta de dúas aulas organizadas entorno a un patio central cunha árbore, que poden funcionar de xeito autónomo ou de forma conxunta. As instalacións contarán cun vestíbulo de acceso, un despacho para o monitor, un roupeiro, un arquivo e dous aseos. Coa fin de non duplicar de maneira innecesaria usos e dependencias, a ludoteca compartirá o almacén da gardería, aínda que de xeito puntual, segundo as necesidades do público usuario.

Con esta obra, preténdese ofrecer aos cidadáns servizos eficientes, coa construción dun espazo estancial , uniforme pero non unitario, coherente, atento aos detalles, duradeiro e fiable, respectuoso co entorno ambiental.

3 de xaneiro de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.