A Deputación da Coruña excluirá das súas subvencións propostas de entidades que teñan contidos sexistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

As actividades promovidas por entidades que utilicen a imaxe da muller como reclamo ou empreguen linguaxe sexista serán excluídas das subvencións da Deputación da Coruña. É unha das novidades das bases xerais da nova convocatoria que teñen como obxectivo contribuír á defensa da igualdade e á eliminación do machismo. A Rede Cultural recoñecerá tamén aquelas actividades que fomenten a igualdade.

A Deputación da Coruña avanza na eliminación da discriminación sexista e, con este fin, introduce nas convocatorias das súas liñas de axuda mudanzas encamiñadas a promover a igualdade nas actividades subvencionadas.

Carteis que empreguen o corpo da muller de forma sexista, actividades que discriminen negativamente ás mulleres e iniciativas que empreguen linguaxe sexista ou que denigren as mulleres quedarán fóra das axudas da Deputación da Coruña. Son as novas modificacións introducidas nas bases xerais que se acollen ao cumprimento de leis como a da igualdade efectiva de mulleres e homes, a de medidas integrais contra a violencia de xénero ou a lei de igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais bisexuais e intersexuais de Galiza, para impedir que propostas de claro contido sexista se acollan a axudas xestionadas con cartos públicos.

Desta maneira, serán motivo de exclusión as actividades que empreguen a imaxe da muller como reclamo ou connotacións de tipo sexual ou denigratorio ou utilicen linguaxe sexista. As bases buscan tamén protexer a menores incluíndo nas actividades promovidas para público infantil a certificación de que o persoal implicado non foi condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación e corrupción de menores, así como trata de seres humanos.
Finalmente, as novas convocatorias incluirán que serán motivo de exclusión aquelas actividades promovidas por persoas ou entidades que fosen sancionadas ou condenadas por resolución administrativa ou sentenza firme pola comisión de condutas discriminatorias.

Unha rede cultural en defensa da igualdade

A Deputación fomentará a igualdade tamén a través da súa Rede Cultural que nesta nova edición inclúe o apoio de maneira especial de actividades que contribúan á defensa dos valores da igualdade de xénero.

A este respecto, o baremo que valorará os espectáculos presentados á Rede Cultural computará aqueles que procuren o “fomento dos valores da igualdade de xénero, o respecto medioambiental, a promoción da diversidade cultural e a inclusión social”.

“A igualdade non se constrúe só con iniciativas específicas, ten que impregnar todas as accións políticas e persoais e, desta maneira, a Rede Cultural é tamén unha ferramenta acaída para promover a eliminación do machismo que, como vemos cada día, está tamén na raíz da violencia contra as mulleres. Desde a Deputación pularemos para que así sexa tanto nas propias accións como nas desenvolvidas polas entidades que reciban axudas públicas e as accións dos concellos que conten tamén co noso apoio”, defendeu a vicepresidencia Goretti Sanmartín destas accións que poñen á Deputación á cabeza na loita pola igualdade.

17 de xaneiro de 2017 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.