publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña destina 533.000 euros para a senda peonil que unirá Bertamiráns e Agro do Muíño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmes
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o concello de Ames para presentar a nova senda peonil que financia a institución provincial no tramo que vai da Condomiña (Bertamiráns) a Agro do Muíño, na marxe da estrada provincial DP 0205.

O presidente provincial foi recibido á súa chegada ao concello de Ames polo alcalde, José Miñones, e membros do goberno e da corporación municipal. A visita institucional comezou cunha reunión na casa consistorial amiense coa Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP Agro do Muíño e a asociación de veciños da zona, durante a cal o presidente da Deputación e o alcalde de Ames presentaron os detalles técnicos do novo proxecto, que dotará ao núcleo dun acceso a pé que garanta a seguridade dos escolares e os seus acompañantes, así como dos veciños da zona e os de Ortoño.

González Formoso afirmou que “o investimento nesta senda, que alcanza os 533.000 euros, supón un esforzo económico importante por parte da Deputación para a construción dunha infraestrutura que redundará na seguridade viaria dos veciños do concello e do centro educativo que se atopa nas inmediacións”.

O presidente aproveitou a ocasión para pedir disculpas por adiantado aos veciños polas molestias que as obras, que se estenderan durante 6 meses, puideran ocasionar, pero considerou que “o resultado final pagará a pena”.

3,5 millóns de euros para crear 27 quilómetros de sendas peonís

Valentín González Formoso enmarcou este investimento no Plan de Sendas Peonís que durante o último ano e medio facilitou a creación de máis de 27 quilómetros de camiños para peóns en estradas provinciais de 16 concellos da provincia. Este plan supuxo ata o momento un investimento de máis de 3,5 millóns de euros, pero o goberno provincial espera seguir incrementando o investimento para chegar aos 60 quilómetros de sendas ao remate do actual mandato.

Ademais, o presidente da Deputación destacou que 6 quilómetros destas sendas forman parte do Camiño de Santiago, promovendo a “importancia económica que ten o Camiño para moitos municipios polos que discorren as diferentes rutas xacobeas”.

Malpica, Oroso, Dumbría, Santa Comba, Muxía, Mazaricos, Vimianzo, Ordes, Cerceda, San Sadurniño, Ribeira, Betanzos, Abegondo, Bergondo, Betanzos e Lousame son algúns dos municipios que xa contan con proxectos aprobados para a construción de sendas para peóns.

O esforzo inversor do goberno provincial compleméntase coa gran cantidade beirarrúas e outros proxectos de humanización que financia a Deputación a través dos seus plans de Acción Social (PAS) e de Medio Ambiente (PMA).

Apoio ao “concello máis xoven de Galicia”

Valentín González Formoso destacou o “comportamento demográfico singular” do concello de Ames, “un dos concellos mais xóvenes de Galicia nun escenario no que a maioría dos municipios de Galicia perden poboación”. Neste sentido, o presidente provincial subliñou que a Deputación terá en conta estás características á hora de apoiar os distintos proxectos que presente o goberno municipal, respondendo así á petición do rexedor amiense de apoio provincial para proxectos “”no concello máis xoven de Galicia”.

Doutra banda, José Miñones lembrou que hoxe se cumpre exactamente un ano da primeira visita do presidente ao concello, e Agrodeceu o investimento da Deputación para construír esta senda que “unirá Bertamiráns con Agro do Muíño pero que tamén terá repercusión directa para os veciños de Ortoño”.

O alcalde de Ames afirmou que a nova infraestrutura ofrecerá aos veciños “un corredor saudable, que permitirá desprazarse a pé e practicar deporte con seguridade”.

Ao remate da visita, o alcalde e o presidente inspeccionaron a zona onde se construirá a senda, entre os puntos quilométricos 0,780 e 1,830 da estrada DP0205. O camiño terá un ancho de 1,80 metros, cun firme composto por 15 centímetros de zahorra de canteira e outros 15 centímetros de formigón, e contará cun tramo de 1,1 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda e de 120 metros pola marxe dereita.

As obras financiadas pola Deputación tamén comprenden a creación dun sistema de recollida de augas pluviais, cunha canalización en tubaxe de PVC e novos pozos de rexistro con sumidoiro. Así mesmo, executarase unha nova canalización para o alumeado e construiranse seis muros de bloques de granito para evitar a caída de terras sobre a senda.

Furgoneta para a Rede Municipal de Comedores Escolares

Tras supervisar os terreos onde comezarán as obras proximamente, o presidente da Deputación e o alcalde de Ames, acompañados co concelleiro de Educación e Cultura amiense visitaron o CEIP Agro do Muíño, onde González Formoso coñeceu o funcionamento da Rede Municipal de Comedores Escolares.

Formoso confirmou que a Deputación da Coruña colaborará cunha achega de 20.000 euros para a adquisición dunha nova furgoneta destinada a efectuar o reparto das comidas do alumnado entre os centros escolares do municipio, dado que a actual conta con máis de vinte anos. Nos vindeiros días asinarase o convenio entre ambas institucións para para a adquisición do novo vehículo, que será cofinanciado con 5.000 euros polo Concello de Ames.

26 de xaneiro de 2017 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.