A Deputación da Coruña colabora nun programa de lecer nocturno con Asfedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero apoia o programa de intervención no lecer nocturno na área de Ferrolterra proposto pola asociación Asfedro.

A Deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, asinou un convenio con responsábeis da asociación Asfedro para o financiamento do programa de intervención no lecer nocturno co obxectivo de “crear un espazo de referencia adaptado aos cambios, con capacidade de escoita e como alternativa sólida ao uso de drogas como fonte de diversión da xuventude”.

Os concellos da comarca de Ferrolterra son a principal área de traballo da iniciativa que inclúe tamén actividades abertas á nova poboación do resto da provincia. A Deputación da Coruña achega 18.000 euros, o 80%, para o programa para o que está previsto un orzamento total de 22.500 euros.

A área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade apoia, desta maneira, a actividade da asociación de Ferrol que leva máis de trinta anos traballando na comarca na prevención da drogodependencia e que busca poñer en relevo a grave complexidade dos problemas que supón o consumo de drogas.

24 de xaneiro de 2017 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.