A Deputación da Coruña aposta por un turismo sostible e de calidade en Fitur

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un turismo sostible e de calidade é a principal aposta que a área de Turismo da Deputación da Coruña está a promover en Fitur, a Feira Internacional de Turismo, que se desenvolve en Madrid até o vindeiro día 22. O deputado responsable da área, Xosé Regueira, constata un crecente interese polos distintos produtos turísticos da Coruña.

O interese do sector pola oferta presentada pola Deputación da Coruña na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se está a desenvolver en Madrid queda á vista nos acordos e encontros profesionais que o deputado da área, Xosé Regueira, está a manter no marco do evento en que aposta por un turismo sostible e de calidade, que aproveite as moitas potencialidades naturais e culturais e contribúa á conservación do medio ambiente.

Tres camiños, o Inglés, o de Fisterra-Muxía e o de Santo André, protagonizaron o acto central no programa oficial de Fitur mais, ademais desa presentación oficial, a área que dirixe Xosé Regueira está a desenvolver multitude de contactos e encontros profesionais encamiñados a promocionar a súa estratexia da Deputación da Coruña de turismo sostíbel e de calidade. “Os contactos e xuntanzas profesionais están a demostrar o interese que a provincia esperta no sector”, explica Regueira, dun programa de encontros que servirán para encamiñar as estratéxicas turísticas deste ano 2017.
Gastronomía e territorio

A gastronomía e territorio son dous dos principais eixos da promoción turística promovida pola Deputación da Coruña na aposta por un turismo sostible de calidade con produtos como os propios camiños, a paisaxe ou o patrimonio. “Ademais traballamos tamén no ámbito do turismo industrial no que temos unha oferta potente que levaremos á próxima edición da Feira de Turismo de Barcelona, un espazo de singular interese para nós para explicar e contrastar o noso proxecto”, explica o deputado.

Fitur preséntase como un espazo adecuado para novas negociacións e para defender unha aposta de turismo anovador que está a aplicar estratexias acordes coas directivas europeas co fin de que, como defende Xosé Regueira, “a sustentabilidade sexa un factor fundamental e transversal no desenvolvemento turístico que é a liña que estamos a desenvolver para manter as potencialidades do medio ambiente sen construción de obra pública, é dicir, sen desfeita da paisaxe que é unha das nosas principais riquezas”.

A Área de Turismo da Deputación aproveita tamén a cita para a promoción dos seis xeodestinos de especial interese da provincia: “Rías Altas: Ferrolterra e Eume”, “Rías Altas: A Coruña e As Mariñas”, “Costa da Morte”, “Terras de Santiago”, “Rías Baixas: Ría de Muros e Noia” e “Rías Baixas: Ría de Arousa Norte”.

A Feira Internacional de Turismo ten lugar no Ifema de Madrid do 18 ao 22 de xaneiro e está considerada un encontro de referencia para posicionar no mercado produtos turísticos. O pasado ano déronse cita en Fitur 164 países e 124.659 participantes profesionais ademais de 7.184 xornalistas especializados no sector.

19 de xaneiro de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.