A Deputación da Coruña aposta por favorecer a creación de emprego nas áreas de Cultura dos concellos
Contratación de técnicos e técnicas de xestión cultural, de profesionais de animación sociocultural e de persoal para atención de museos e centros de interpretación centran as liñas de Cultura da Deputación da Coruña que apostan por reforzar a xestión da área nos concellos.
A área de Cultura da Deputación da Coruña incorpora a contratación de técnicos e técnicas de cultura como unha nova modalidade das súas liñas de concorrencia competitiva para concellos, coas que se subvencionaban xa profesionais de animación sociocultural e persoal para atención de museos e centros de interpretación. A novidade sae publicada no Boletín Oficial da Provincial deste 20 de xaneiro en que se fan públicas, ademais desas bases destinadas a profesionais do sector, as axudas destinadas a concellos para o desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas.
“Con esta nova modalidade nas liñas de axuda buscamos reforzar as áreas de Cultura dos concellos coa incorporación de profesionais do sector o que contribuirá, de forma decidida, á creación de emprego no persoal formado no sector cultural”, explica a responsábel da área, Goretti Sanmartín, con respecto aos programas de subvencións destinados a concellos e entidades locais.
En total, máis de millón e medio de euros de saída, con posibilidade de suplementación en función das solicitudes, que reforzarán as áreas de cultura dos concellos, de maneira especial nos de menos de 50.000 habitantes, coa contratación de persoal técnico con formación no sector.
A maior novidade das bases agora publicadas está, polo tanto, na incorporación de persoal técnico en xestión cultural á liña que, na anterior edición contemplaba unicamente a contratación de profesionais de animación sociocultural. Para esta liña, a Deputación destina 615.000 € nun programa que ten como claro obxectivo a creación de emprego no ámbito da acción cultural municipal a través do fomento da contratación e o financiamento das retribucións do persoal técnico especializado nas áreas municipais de cultura.
Cada concello recibirá un máximo de 15.000 € pola contratación de persoal técnico de xestión cultural que terán, entre outros cometidos, a dinamización e mediación sociocultural a intervención en diferentes grupos de idade, o deseño de políticas de apoio á creación cultural e de xeración de oferta cultural e o desenvolvemento de enfoques relacionais e cooperativos cos campos de patrimonio, turismo, educación, igualdade, servizos sociais e medio ambiente nos municipios. As bases da convocatoria contemplan tamén, ao igual que na edición anterior, o mantemento e a contratación de persoal técnico en animación sociocultural nos concellos.
Persoal para museos e centros de interpretación
A área de Cultura da Deputación fomentará tamén a dotación de persoal técnico para museos e centros de interpretación dos concellos de menos de 50.000 habitantes. O destino da contratación será en museos ou centros de interpretación de carácter permanente depositarias de bens móbeis, obxectos ou testemuños de valor histórico, arqueolóxico, artístico, etnográfico, científico ou técnico de interese local.
Entre as obrigas condicionadas pola convocatoria está a apertura ao público do centro ou museo cando menos 20 horas á semana.
Os concellos recibirán tamén axudas para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais para o que a a Deputación destina un orzamento de 400.000 € co fin de contribuír ao funcionamento dos centros dedicados á formación artística.
Finalmente, a área de Cultura convoca a liña de apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos cunha achega de 400.000 €. Serán beneficiarios eventos culturais con identificación e marca propia recoñecíbel, programación diversa que aglutine diferentes propostas artísticas, organizado periodicamente, con data de celebración onsolidada. O Festival de Ortigueira, o Festival Internacional Outono de Teatro ou o Curtocircuíto responden a formatos de eventos de concellos que se adaptan ás bases da convocatoria.
As bases teñen ademais de afortalar so festivais como eventos de interese de participación e difusión cultural e turística, unha clara intención de apoiar a difusión da cultura galega co cal no caso de festivais audiovisuais terán que contar cunha sección, cando menos, para producións galegas en versión orixinal, nos de música ou artes escénicas contará cun 30% do total de actuacións profesionais a cargo de bandas ou compañías galegas. Tamén no caso da lingua, as bases recollen que nos festivais de artes escénicas o galego ten que ser a lingua de cando menos o 50% dos espectáculos e o 25% das actuacións musicais.











