A Deputación cede a obra “O discurso” de Díaz Pardo ao Museo de Belas Artes
“O discurso”, a obra que Isaac Díaz Pardo realizou en 1946, deixará de estar a partir de agora nos corredores da Deputación da Coruña para se expoñer publicamente no Museo de Belas Artes. O presidente e a vicepresidenta, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora do Museo, Ángeles Penas, participaron no acto de cesión da obra.
Uns 2 metros de ancho por 1,7 de alto son as medidas de “O discurso”, o óleo de grande dimensión que Isaac Díaz Pardo pintou en 1946 e que, setenta anos despois, a Deputación da Coruña cede ao Museo de Belas Artes, xestionado pola Consellaría de Cultura, co fin de que esta obra de grande valor poda estar ao dispor do público.
Con este fin, a propia Deputación organizou un acto público no que estiveron tamén presentes diversos membros da familia do artista, entre eles o seu fillo Xosé Díaz, para destacar a relevancia simbólica da cesión. O propio presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou o vínculo de Isaac Díaz Pardo coa Deputación que se iniciou en 1940 ao se converter en bolseiro da institución, o que lle permitiu formarse como artista na Academia de Belas Artes de San Fernando e se mantén na actualidade, entre outras cousas, co premio de artes plásticas que leva o seu nome.
González Formoso confesou que non tiña dúbida de que “Don Isaac aprobaría cun dos seus comentarios cheos de retranca que este fermoso cadro que desde o corredor veu pasar durante décadas aos presidentes desta institución, poda agora ser exposto e contemplado polo público no lugar que se merece”. O presidente da Deputación alegrouse tamén de que o cadro pasase a compartir espazo con “destacados artistas galegos dos séculos XIX e XX, con antigas pezas de cerámica de Sargadelos que forman parte do seu inmenso legado artístico e con numerosas obras de arte españolas e europeas dende o século XVI ata a actualidade”.
Museo virtual para unha colección de 2.000 pezas
“Descoñécese que a Deputación, ademais dun rico patrimonio ten unha importante colección de arte composta dunhas 2.000 pezas. Tiñamos como materia pendente conseguir que as obras de artistas que son referencia para nós puidesen estar en espazos onde todo o mundo as puidese contemplar”, sinalou a responsable da área de Cultura e vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, que defendeu na súa intervención que “o seu sitio ten que ser un museo, un lugar onde poidan ser vistas e abertas ao público”.
Defendeu neste sentido Goretti Sanmartín dúas liñas de traballo encamiñadas a achegar ao público a rica colección da Deputación. A primeira delas, na que se enmarcaba esta primeira cesión ao Museo de Belas Artes, é conseguir que aquelas obras de especial relevancia cheguen a centros expositivos públicos. A segunda sería unha nova iniciativa que a responsábel da área de Cultura anunciou e que consistiría na posibilidade de creación dun museo virtual para que as obras propiedade da Deputación sexan de acceso público a través da rede.
Quixo tamén Goretti Sanmartín, destacar a singularidade do cadro motivo da cesión. “Trátase dunha obra extraordinaria, dun home que puido ser pintor por máis tempo mais abandonou esa faceta de creación artística tal vez por non querer converterse en pintor da burguesía”, explicou do autor dunha obra que en 1946 titulou como “O discurso” mais que a responsábel de Cultura non lle ficaba dúbida de que se trataba dun “mitin” ou acto político da mesma maneira que o cadro “Os afogados”, datado no mesmo ano, ben podería levar como título “Os fusilados”, seguindo a interpretación de que Isaac Díaz Pardo agochaba nos títulos a denuncia do terror franquista que se recolle nas súas obras.
“Son obras elaboradas despois do levantamento militar, nesa etapa de represión que el tanto coñeceu e que o deixou marcado porque a sufriu na propia familia co asasinato de seu pai. Isaac era unha persoa de fondo compromiso social do que deixou pegada na súa obra e, de maneira especial, neste óleo que ten que estar exposto ao público como merece”, sinalou Goretti Sanmartín.
Rematou agradecendo a “magnífica recepción” da Consellería de Cultura á obra nun acto que o secretario xeral, Anxo Lorenzo, sinalou como “continuación” da relación histórica que comeza precisamente na década dos anos corenta en que foi elaborada a obra agora cedida cando a Deputación deposita no Museo de Belas Artes as primeiras obras de Ovidio Murguía ou Imeldo Corral.
“A obra de Isaac significa un engadido moi valioso á colección, non só polo que representa senón porque estamos a facer medrar a colección para que a cidadanía poda contemplala”, sinalou Anxo Lorenzo dun óleo que se sumará ás tres obras de pequeno formato do artista que figuran xa na colección do Museo. Pola súa parte, a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas, confirmou que a obra estará exposta ao público en breve nun espazo de destaque que singularice a peza na planta do centro dedicada á arte do século XX.











