A Deputación aproba a maior repartición inicial do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para 2017
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para o ano 2017. Segundo sinalou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, esta actuación busca “apoiar as corporacións locais de menos de 20.000 habitantes para que poidan prestar os seus servizos sociais comunitarios municipais”. Grazas a esta actuación do Servizo de Cohesión Social e Xuventude fináncianse o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios básicos, persoal administrativo e, ademais, o Servizo de Educación Familiar.
Carmela Silva sinalou que “este é o ano cun maior reparto inicial económico” do Plan, “o que volve amosar o absoluto compromiso da Deputación de Pontevedra coas políticas sociais”, xa que este ano o Plan de Cofinanciamento contará cunha repartición inicial situada en 2.215.035,33 €, é dicir, un 2 % máis que o ano anterior. Malia iso, lembrou a presidenta da institución provincial, “esta cantidade podería aumentar, aínda máis, se houbese máis cartos dispoñibles; como a finais do ano pasado, cando ampliamos en 160.000 € esta partida”; polo tanto, “este ano está contemplado que poidamos repartir aínda máis recursos para facer fronte ás políticas sociais que teñen que cubrir os concellos”.
En total son 52 os concellos da provincia de Pontevedra que se poderán beneficiar deste plan. Cada un deles poderá optar ás contías máximas que se lle teñen asignadas, tanto no módulo do SAF (dun total de 1.226.000 €) coma no de persoal (dun total de 989.000 €). Os concellos terán un período de 15 días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e poderán solicitalo a través dun formulario que atoparán na páxina web www.depo.gal.
A través do Servizo de Axuda no Fogar préstaselles atención ás persoas maiores con déficit de autonomía e ás persoas con diversidade funcional, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato. Tamén proporciona unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social. Pola súa banda, o Servizo de Educación e Apoio Familiar integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección. Tamén busca promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares e a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.











