A conselleira de Medio Rural: “a investigación, innovación e transferencia tecnolóxica son fundamentais para o desenvolvemento do agro”

Intervención de Ángeles Vázquez na presentación da memoria
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe durante a presentación da memoria de actividades 2012-2015 do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) a relevancia da formación e o desenvolvemento para que o agro galego teña futuro. “Todos sabemos da importancia da investigación, a innovación e a transferencia tecnolóxica para o desenvolvemento económico dun país e o mundo rural non ía ser diferente”, declarou.
Neste sentido, a titular do Medio Rural sinalou que estes valores adquirirán aínda un papel protagonista coa creación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), xa que será o departamento responsable da promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade e, por outra banda, de potenciar esa calidade, asumindo e concentrando todas as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario.
“E non será un labor fácil”, indicou Vázquez, porque en Galicia existen 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas (e outras catro en trámite) o que a sitúa como unha das comunidades con maior número de distintivos. “De feito, se temos en conta o tamaño e a poboación, somos a comunidade autónoma que acadou un maior número de estes recoñecementos europeos”, sinalou a responsable autonómica. Só esta consellería dispón ademais de catro centros de investigación, algúns deles con varias estacións, e outros seus de formación, funcións, todas elas, que tamén asumirá a nova axencia.
Agacal non partirá de cero, senón que nacerá xa cunha “bagaxe e coñecementos previos importantísimos”, grazas ao Ingacal. Este instituto, que fixo balance hoxe dos seus últimos anos de actividade, chegou a realizar máis de 115 proxectos de I+D+i relacionadas co agro no período 2012-2015, dos cales máis do 60% foron prestación de servizos tecnolóxicos a empresas do sector. Realizáronse 76 actuacións na mellora e conservación de recursos fitoxenéticos agrícolas e forestais que contribuíron ao mantemento da diversidade e do patrimonio agrícola e forestal de Galicia. E o seu labor investigador traduciuse tamén en máis de 500 publicacións e relatorios en congresos nacionais e internacionais. Máis de 150 publicáronse en revistas internacionais científicas e de divulgación, ademais das xornadas e congresos de interese para o sector que chegaron a máis de 4.100 persoas.
Así, a través da coordinación dos centros de investigación e laboratorios de servizo dependentes da Consellería do Medio Rural, o Instituto converteuse no instrumento fundamental da investigación agraria da Xunta de Galicia.
Respecto á súa labor no eido da protección da calidade dos produtos agroalimentarios, o Ingacal levou a cabo 807 auditorías a envasadores e produtores para asegurar o control e certificación de 16 produtos diferenciados. Ademais en 8 deles leváronse a cabo tarefas de secretaria e xestión económico-administrativa.
Este instituto ofreceu os seus laboratorios ao sector agrario, onde se realizaron 1.912.336 determinacións analíticas de produtos agrarios e alimentarios. E o mesmo sucede cos distintos consellos reguladores que poden solicitar libremente os servizos do Ingacal para optimizar recursos.
Cabe destacar que no 2015 conseguiuse a acreditación pola ENAC (Entidade Nacional de Acreditación) na norma UNE-EN-ISO 17025 dos parámetros básicos das análises de viños na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia que se une así ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia que conta xa con 49 ensaios acreditados para viños, bebidas espirituosas, queixos, leite cru e tratado, produtos cárnicos, mel, solos e fertilizantes.











