A Cidade da Cultura cancela a sesión do sábado de ‘Nexos’ por problemas de saúde do relator
A Cidade da Cultura de Galicia cancela a sesión de ‘Nexos’ prevista para mañá, sábado, que baixo o título ‘O aforismo e a beleza da síntese’ ía ter lugar no auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Esta repentina cancelación débese a problemas de saúde do relator principal da sesión, o profesor Jorge Wagensberg, que lle impiden viaxar a Compostela.
Este contratempo de última hora afecta tanto á sesión de adultos como á infantil. Nos próximos días, a Cidade da Cultura comunicará a nova data da sesión, que ademais do relatorio do profesor Wagensberg contaba coa actuación musical da soprano Carmen Gurriarán e o pianista Pablo Seoane.
Por outra banda, o ciclo ‘Nexos’ abordará o vindeiro 18 de febreiro a crise existencial de Europa nunha nova sesión deste 2017. O convidado nesta ocasión será o sociólogo e filósofo Ignacio Sánchez-Cuenca, que disertará sobre o futuro da UE e a crecente corrente euroescéptica.
O auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá esta nova sesión do ciclo Nexos, onde Ignacio Sánchez-Cuenca, profesor de Ciencia Política na Universidade Carlos III de Madrid e director do Instituto Carlos III – Juan March de Ciencias Sociais, abordará o panorama actual de Europa. Co aumento das desigualdades sociais, o auxe da xenofobia e o descrédito da política e da propia UE.
Tras o seu relatorio, o público asistirá a unha especie de teatro musicado a cargo do actor Evaristo Calvo e o músico Pablo Seoane. Baixo o título ‘Parábase permanente’, ambos os dous artistas realizarán unha visita ao son posible da comedia de Aristófanes e, polo tanto, aos ritmos primeiros da nosa cultura.
Como en todas as sesións de ‘Nexos’, os participantes foron convidados ao final das intervencións a un petisco cultural cortesía de Pan do Mar e Bodegas Martín Códax.
Sesión infantil paralela
Paralelamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá unha sesión infantil para nenos de 5 a 12 anos. Partindo de fichas sobre diversas cidades de Europa, que os participantes colorearán e ilustrarán con elementos senlleiros das mesmas, se elaborará un xogo d oca que lles permitirá viaxar por todo o continente –partindo de Santiago e coa meta en Bruxelas-.
Ambas as dúas actividades teñen entrada de balde mais é preciso inscribirse previamente en cidadedacultura.gal desde este luns, 30 de xaneiro.











