A campaña de recollida de residuos porta a porta do Nadal pechouse con máis de 31 toneladas de papel e cartón na Coruña
A campaña posta en marcha desde a Concellería de Medio Ambiente para a recollida porta a porta de residuos durante o período de Nadal pechouse con 31,72 toneladas recuperadas de papel e cartón nas distintas zonas comerciais da cidade, ademais de 14,92 toneladas de vidro. Como pon de relevo a concelleira desta área, María García, a iniciativa, que se desenvolve por segundo ano consecutivo tanto na zona centro como noutras áreas de actividade comercial e hostaleira –como son a rúa Barcelona e a súa contorna, rúa Ángel Senra-Os Mallos e zona comercial da catro Camiños e Gaiteira–, vai dirixida a mellorar a convivencia entre os negocios e a veciñanza en períodos de maior produción de residuos e, ao tempo, abordar a xestión dos refugallos dun xeito máis eficiente, “sempre na liña de concienciar da necesidade de correponsabilizármonos todas e todos na redución dos residuos da nosa cidade, e no impulso á separación e a reciclaxe”, salienta. Neste sentido, a campaña de recollida porta a porta –a terceira nos últimos 18 meses– veu precedida dunha acción informativa polos distintos distritos comerciais da cidade entre o 23 e o 30 de novembro, na que se visitaron un total de 741 establecementos repartidos entre a zona centro (410), Os Mallos (147), A Gaiteira e Catro Camiños (102) e a contorna da Rúa Barcelona e As Conchiñas (82), para dar información básica sobre a recollida selectiva, así como recibir propostas e resolver dúbidas dos e das profesionais, tal e como xa se fixo nas anteriores ocasións, a través de encontros coas distintas entidades comerciais e de hostelería.
Durante o período de Nadal, o Concello reforzou tamén o servizo de recollida de residuos nas zonas con maior concentración de negocios hostaleiros e comerciais coa finalidade de evitar a acumulación de residuos no interior dos establecementos. O balance péchase cun total de 110 toneladas de lixo inorgánico e 25,52 toneladas relativas a fracción orgánica.
Como destaca a responsable municipal, accións como esta, dirixidas a potenciar a recollida selectiva de sectores profesionais como o comercio ou a hostalería, que teñen gran relevancia polo volume de produción de residuos que xeran estas actividades, forman parte dunha “liña de acción prioritaria” da Concellería de Medio Ambiente, como é impulsar a conciencia ambiental e sensibilizar sobre o impacto positivo da redución de lixo e o aumento da súa recuperación, vía reciclaxe. A ese fin van dirixidas outras accións, como a campaña #noseusitio ( http://noseusitio.coruna.gal/ ), que busca implicar á cidadanía en xeral na separación de residuos, tanto nas súas casas como nos seus traballos e na súa vida diaria.











