A Autoridade Portuaria de Vigo porá en marcha o 80% dos proxectos do Plan Bue Growth
A Autoridade Portuaria de Vigo reuniu esta tarde aos principais actores implicados no lanzamento da estratexia comunitaria Blue Growth. Unha iniciativa liderada pola Consellería do Mar cuxo obxectivo é apoiar o crecemento sustentable dos sectores mariño e marítimo no seu conxunto e recuperar a súa estabilidade financeira.
O obxectivo desta reunión de control do Grupo de Gobernanza, na que participaron o Presidente da APV, Enrique López Veiga; a Conselleira do Mar, Rosa Quintana; a Directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; a Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa; e o Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, entre outros, foi o de analizar a posta en marcha desta planificación estratéxica, avaliar o estado dos principais proxectos e accións xurdidos e marcar o calendario de actuacións para o presente exercicio.
Segundo destacou o máximo responsable portuario, desde o seu lanzamento oficial en marzo do pasado ano, preto do 80% dos proxectos previstos no Plan atópanse activos. Gran parte deles están xa en marcha, outros xa foron presentados a convocatorias de financiamento e están pendentes de resolución, en proceso de solicitude ou en procura de financiamento, mentres que, no caso das accións, o 16% están finalizadas e o 49% en execución.
“Estes proxectos e accións xurdidos dos grupos de traballo creados en torno ao Plan Blue Growth,están directamente relacionados coa dinamización e a promoción da economía local, baseada na modernización e mellora da competitividade da industria marítima, pesqueira e portuaria e as súas empresas na contorna da Ría de Vigo e a súa área de influencia”, asegurou a Conselleira do Mar, Rosa Quintana.
A máxima responsable en materia pesqueira en Galicia destacou a elevada participación e involucración dos membros dos diferentes grupos de traballo,converténdose estes grupos en verdadeiros foros de encontro para o debate de temas de interese común e posta en marcha de diferentes proxectos e accións de gran relevancia, e que vinculou a catro grandes áreas temáticas: a innovación tecnolóxica, a referencia enerxética, o medioambiente e a competitividade e desenvolvemento económico e social.
O presidente da Autoridade Portuaria, pola súa banda, cualificou de “estratéxicos” estes proxectos e destacou a aposta polo uso de enerxías renovables; a modernización da actividade marisqueira; a potenciación das formacións do futuro vinculadas á actividade marítima; a recuperación do patrimonio marítimo e o fomento do uso turístico e social; a posta en marcha da Lonxa 4.0; e o centro de innovación de estudos xurídicos marítimos e pesqueiros “MarInnLeg”.
No que respecta ás accións, López Veiga subliñou as referentes á análise dos tempos do PIF e aquelas vinculadas á SAGEP, así como as asociadas á eliminación das verteduras nas dársenas, a captación de novos tráficos na Terminal Ro-Ro ou a mellora das condicións laborais dos traballadores do mar, entre outras.
Novos proxectos e accións
Aínda que inicialmente o Plan Blue Growth Porto de Vigo 2016-2020 contemplaba 38 proxectos concretos e 44 accións inmediatas, López Veiga explicou que, ao tratarse dun proxecto “vivo”,xurdiron novas iniciativas dos grupos de traballo, como o deseño do Porto do Futuro, a promoción do GNL en buques e, por último, a ampliación da Autoestrada do Mar Vigo-Nantes-Lle Havre até Tánxer.
Do mesmo xeito, e no que respecta ás accións, os grupos de traballo sumaron á súa aposta inicial unha nova proposta, consistente, neste caso, na análise do impacto do Brexit nas actividades da actividade pesqueira.
No que respecta ao plan de traballo previsto para este ano, López Veiga confiou en activar o 90% dos proxectos e finalizar o 30% das accións, así como obter o 50% do financiamento solicitado en concorrencia competitiva e executar, polo menos, un proxecto con financiamento público-privada.
Actualmente, dos 43 proxectos, presentáronse un total de 17 a fontes de financiamento de orixe comunitaria, relacionados con medioambiente, desenvolvemento rexional, innovación e competitividade.











