publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A asociación Rutasapie desenvolve a segunda etapa da Ruta do Pai Sarmiento entre Sanxenxo e O Grove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Este sábado, 28 de xaneiro, a asociación amesá de sendeirismo Rutasapie desenvolve a segunda etapa da Ruta do Pai Sarmiento que discorrerá entre Sanxenxo e O Grove (19,6 Km). Esta ruta, que está dividida en 9 etapas, comezou o pasado 14 de xaneiro cunha andaina entre Pontevedra e Sanxenxo. Os interesados/as poden inscribirse para facer as 8 etapas que restan ou para algunha de xeito individual. Para realizar a ruta completa hai 35 persoas inscritas. A inscrición para participar nesta iniciativa pódese facer enviando un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 628 287 957 ou 675 680 159.

Este sábado, 28 de xaneiro, farase a segunda etapa, que discorre entre Sanxenxo e a praia da Lanzada despois de percorrer preto de 20 quilómetros. Esta andaina ten unha dificultade baixa. Os camiñantes pasarán por Portonovo onde atoparán o miradoiro de Punta de Cabicastro. Esta Punta forma parte xunto ao cabo Home dun dos extremos da Ría de Pontevedra. Dende os 54 metros de altura que dispón a Punta de Cabicastro pódense ver os grandes acantilados que rompen a forza da auga atlántica sobre as súas rochas. Debido a iso, os participantes poderán admirar unha gran cantidade de furnas (covas mariñas).

O seguinte miradoiro que se poderá ver é o de Punta Sefexeiras, onde se localiza unha formación rochosa que se mete no mar e que se denomina Coitelo polas súas afiadas formas. Dende este lugar poderase obter unha fantástica imaxe das Illas de Ons e das praias de Montalvo e Paxariñas. Ademais, cara o sur pódese ver a boca da Ría de Pontevedra, podendo verse cabo Home e cabo Silleiro (xa na esquina da ría de Vigo). Mar a dentro poderase divisar as illas Cíes. Por último, visitarase a Ermida da Nosa Señora da Lanzada. Ao remate da etapa farase unha visita á Illa da Toxa.           

Os participantes deben saber que sairá un autobús ás 7:45h dende a estación de autobuses de Santiago de Compostela, pasando ás 7:50h pola estación de tren e ás 8:00h polo aparcamento de Santa Marta. Dende a organización indican que ao longo do percorrido hai bares para poder comer, e incluso, as persoas que o desexen poden levar un bocadillo. O remate da etapa farase unha merenda no Restaurante Cany Playa (incluído no prezo da actividade).

Etapas en febreiro, marzo e abril

O 4 de febreiro farase a terceira parte do trazado, unha ruta circular polo Grove. O 18 de febreiro deixarase atrás o Grove para chegar a Cambados, de onde se sairá o día 4 de marzo en dirección á Illa de Arousa. O 18 de marzo a etapa une a illa con Vilanova de Arousa. As tres últimas etapas terán lugar os días 25 de marzo, no que se camiñará dende Vilanova de Arousa ata Carril, o 1 de abril, no que se rematará en Padrón, e o 22 de abril, coa chegada a Santiago de Compostela pasando previamente polo Milladoiro.

Os interesados/as poden inscribirse para facer as 8 etapas restantes ou para algunha de xeito individual. Para realizar a ruta completa hai 35 persoas inscritas. A inscrición para participar nesta iniciativa pódese facer enviando un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 628 287 957 ou 675 680 159.

26 de xaneiro de 2017 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.