A Área de Igualdade da Deputación da Coruña desenvolverá un programa contra a violencia de xénero en vinte concellos da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Vinte concellos de menos de 20.000 habitantes acollerán o novo programa de prevención da violencia de xénero que promove a área de Igualdade da Deputación da Coruña.

A área de Igualdade da Deputación da Coruña botará a andar un novo programa destinado á prevención da violencia de xénero con accións específicas para os diferentes grupos de idade, infantil, xuvenil e adulto. A iniciativa promoverá o diálogo e a participación social cunha metodoloxía activa e adaptada á realidade de cada unha das localidades con actividades continuadas ao longo do ano.

“Consideramos que a concienciación social é a mellor ferramenta para previr e combater a violencia machista e por iso decidimos promover un programa continuado e que se achegase a todos os sectores de poboación”, sinala a deputada de Igualdade, Ánxela Franco da nova iniciativa da súa área.

A iniciativa súmase a outros programas promovidos desde a área de Igualdade co fin de combater a violencia machista como “Suprime o control” que se desenvolveu nos centros de ensino dos concellos de Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía. O programa buscou actuar desde o ámbito educativo, ofrecendo ferramentas coas que traballar para a construción da igualdade con especial atención á violencia machista na adolescencia e a súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais. “Suprime o control” terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019. Para máis información pódese consultar a súa web http://suprimeocontrol.com/.

A área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero convoca tamén o Premio Concepción Arenal para proxectos educativos que procuren o desenvolvemento de habilidades para a identificación e rexeitamento de estereotipos sexistas e o Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero creado co fin de contribuír á reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia de xénero nunhas idades chave para a formación en igualdade. O mércores 25 e o xoves 26 reuniranse os xurados para escoller os traballos gañadores das novas edicións destes premios. En breve estrearase tamén a curtametraxe “Corazón amoratado”, gañadora da anterior edición do concurso de guións coa autoría de alumnado do Puga Ramón da Coruña.

A área de Igualdade destinou tamén o pasado ano en subvencións a concellos un orzamento de 1.292.66,84 de euros ao que hai que sumarlle 362.000 para actividades, casas de acollida, premios e concursos e 200.000 para entidades e asociacións ligadas á violencia de xénero.

23 de xaneiro de 2017 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.