Xunta e Concello de Lugo avanzan cara a aprobación do PXOM na súa totalidade
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o concello de Lugo mantiveron hoxe un novo encontro que tivo como obxectivo seguir avanzando de cara a aprobación do PXOM na súa totalidade.
A reunión, de carácter técnico, estivo presidida pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o concelleiro de desenvolvemento sustentable de Lugo, Daniel Piñeiro.
O obxectivo principal da xuntanza foi aclarar dúbidas e acordar criterios de cara a axilizar o máximo posible a aprobación do documento, logo da Orde de 2011, que deixou en suspenso o 5% do PXOM; e da Orde de abril de 2013, que suspendeu o prazo para resolver a aprobación definitiva do PXOM ata que o concello incorporase os estudos hidrolóxicos-hidráulicos esixidos pola Confederación Hidrográfica Miño–Sil, que permitan grafar todas as canles afectadas das áreas cuestionadas.
Desde a Xunta valorouse que se ten avanzado notablemente nas cuestións urbanísticas, e apostouse por seguir traballando coordinadamente, á espera de que o Concello acade o informe favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. No caso de que todos os trámites se desenvolvan do xeito axeitado, o PXOM podería quedar aprobado na súa totalidade no primeiro semestre de 2017.