publicidade hoxe

Xestur aboará 4,2 millóns de euros para as obras de urbanización do Parque Ofimático da Coruña en canto o concello as licite

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A empresa pública Xestur aboará a parte que lle corresponde das obras de urbanización do Parque Ofimático da Coruña en canto o Concello cumpra coa súa obriga de licitalas. Así llo trasladou o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo e presidente de Xestur, Heriberto García, aos representantes dos afectados por este proxecto cos que mantivo unha xuntanza esta mañá.

Na xuntanza insistiu en que cómpre que a Administración local cumpra a súa parte do protocolo asinado en agosto o antes posible para proceder ao abono anticipado da achega que lle corresponde a Xestur para pagar as obras.

Esas obras teñen por obxectivo facer viable a concesión das licenzas de primeira ocupación das vivendas que xa están acabadas ou en proceso de remate, así como os permisos de construción para novas vivendas protexidas impulsadas por cooperativas.

Na reunión mantida esta mañá cos representantes das cooperativas Heriberto García, quen indicou que a sociedade dará cumprimento a establecido no protocolo, aboando ao concello a contía de 4,2 millóns de euros, en canto o concello cumpra coa súa parte do acordo, consistente na licitación das obras. Xestur xa ten dita contía asignada no seu orzamento de 2016 para as obras do Ofimático.

O obxectivo fundamental da Xunta de Galicia co acordo acadado para o desenvolvemento do Ofimático é garantir a concesión das licenzas de primeira ocupación para as vivendas que xa están rematadas e que non poden ocupar os seus adxudicatarios por falta de dita licenza, así como garantir a mesma licenza para as vivendas que se atopan en avanzado estado de construción e para as novas promocións que as cooperativas queren poñer en marcha.

Unha das cooperativas do Ofimático, A Carnocha, ten 24 vivendas rematadas que non poden entregar aos adxudicatarios pola falta da licenza municipal de primeira ocupación. Pola súa parte, a cooperativa Cofuncovi ten 80 vivendas protexidas en avanzado estado de construción, e que so poderá entregar despois de obter a licenza de primeira ocupación, e prevé iniciar proximamente a construción doutras 80 vivendas protexidas. Finalmente a cooperativa Eirís Ofimático prevé iniciar a construción doutras 80 vivendas protexidas en canto dispoña de licenza municipal de construción.

5 de decembro de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.