Unhas 20.000 persoas da provincia de Pontevedra participaron no programa “En Ruta coa Depo”
O programa “En Ruta coa Depo”, elaborado polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, celebra este martes 27 de decembro a súa última saída. Nesta quenda, que dá peche a esta iniciativa social de alternativas de ocio saudable e participativo, participan 38 persoas da asociación “Escravas da Virxe Dolorosa”, de Crecente, e visitarán o conxunto histórico de Pontevedra, ademais de coñecer o espazo do Museo de Pontevedra da institución provincial e dar un paseo pola Illa do Covo, tamén coñecida como a Illa das Esculturas.
En total, foron preto de 19.000 persoas, 18.676, as que gozaron deste programa dende principios de outubro ata esta mesma semana. Segundo resaltou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “o éxito deste programa é outra mostra do grande valor social das propostas desta Deputación, que pensa nas persoas por enriba de todo. De feito, houbo outras máis de 4.000 persoas que quedaron en lista de espera”. Silva asegurou que “as administracións públicas debemos impulsar programas de oferta de ocio pero que teñen, como no caso de En ruta coa Depo, outros elementos que lle dan un valor engadido, como é a promoción da igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional, o impulso do asociacionismo xuvenil ou o fomento da convivencia de nais e pais cos seus fillos e fillas facendo doada a conciliación familiar e laboral”.
Grazas a “En Ruta coa Depo”, as persoas participantes puideron realizar unha das 23 rutas que se organizaron ao abeiro desta iniciativa da Deputación de Pontevedra ao longo de toda a provincia: o conxunto histórico de Cambados, adegas da D.O. Rías Baixas, as pesqueiras aos dous lados do Miño, Salvaterra do Miño, o Mosteiro de Carboeiro e a fervenza do Toxa en Silleda, o Museo A Solaina e o pazo de Liñares en Lalín, Santa Trega na Guarda, o conxunto histórico de Tui, o Parque da Natureza do Río Barosa en Barro, un paseo pola ría de Arousa con saída no Grove, a Illa de San Simón, o casco vello e o barrio mariñeiro de Vigo, as Illas Cíes, a Illa de Ons, Bueu, o paseo marítimo de Baiona, o conxunto histórico, as instalacións da Deputación na capital provincial ouo campo rupestre de Campo Lameiro, entre moitas outras.
Este programa consistiu na creación de rutas específicas que conseguiron crear espazos lúdicos onde nais e pais e titoras ou titores, entre outras persoas, puideron gozar cos nenos e nenas dun ocio común, san, alternativo e divertido. “En Ruta coa Depo” permitiu que arredor de 19.000 persoas coñecesen mellor a provincia cun investimento total da Deputación de Pontevedra situado en 238.500 euros.