Unha xornada analiza en Ourense a implantación da administración electrónica nas entidades locais

Intervención de Manuel Baltar na xornada
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe, xunto ao director do Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público, Marcos Almeida, e ao xefe da sección de Formación, Carlos Castiñeiras, unha xornada que analiza a implantación da administración electrónica nas entidades locais, dirixida a alcaldes, concelleiros, deputados, secretarios e interventores, técnicos e empregados públicos.
“O goberno provincial ourensán manifestouse desde o principio a favor da administración electrónica e contamos con procesos que son modélicos neste ámbito, como poden ser o Programa de Termalismo Social, e cremos nunha administración aberta as 24 horas que poida prestar servizos aos cidadáns sen que teñan que desprazarse ata a institución”, sinalou Baltar
A orixe desta xornada formativa é “cooperar e axudar aos concellos da provincia”, Dixo Manuel Baltar, quen lembrou que nos orzamentos deste ano, por primeira vez, se “dispuxo unha partida específica para a formación de cargos públicos electos para actualizar os seus coñecementos”.
Baltar destacou que a administración “ou é electrónica ou non é administración, e as entidades locais teñen que cumprir a lei e interiorizar como propio a cultura da administración electrónica e por iso, a Deputación de Ourense ponse a disposición dos 92 concellos da provincia, da entidade menor de Berán e das mancomunidades, predicando co exemplo, cunha área de transparencia e goberno aberto, e proxectos innovadores como “Provincia Intelixente” ou o Programa de Termalismo Social, que permitirá que desde o 1 de xaneiro se poida solicitar desde calquera punto de España unha praza na nosa rede de balnearios. Así como proxectos para o vindeiro ano, como a primeira plataforma provincial de participación cidadá”, explicou o presidente do goberno provincial.
Marcos Almeida dixo que esta xornada ten como finalidade informar aos cargos electos e ao persoal da administración local das vantaxes da administración e de que a súa implantación “faise para incrementar as garantías dos cidadáns e a súa participación”.
O primeiro relatorio da xornada foi sobre “A reforma da administración electrónica. Unha panorámica xeral, con especial referencia ás notificacións electrónicas”, a cargo do profesor Isaac Martín Delgado, da Universidade de Castela-A Mancha. Continuou o profesor Rubén Martínez, da Universidade de Alacante, quen falou da “Sede e os rexistros electrónicos como ferramentas imprescindibles da administración electrónica”. Na xornada da tarde será a quenda para “Identificación e a autenticación por medios electrónicos” da man do director de ASTREA. E rematará a xornada o profesor Julián Valero Torrijos, da Universidade de Murcia quen abordará o tema da “Tramitación do procedemento administrativo por medios electrónicos”.











