Un total de 18 novelas optan como finalistas ao Premio Torrente Ballester en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O xurado decidirá este martes día 13 de decembro que obra será a gañadora do Premio de Narrativa Torrente Ballester que se convoca por vez primeira en modalidade de lingua galega. Dezaoito son as obras finalistas das 101 presentadas a esta convocatoria, máis do dobre da edición con máis obras en galego presentadas.

Dezaoito obras son as finalistas entre as que o xurado do Premio Torrente Ballester decidirá o título da gañadora do certame mellor dotado economicamente da literatura galega. A persoa que asine a novela gañadora recibirá 25.000 € ademais da publicación da obra, contemplada tamén nas bases da convocatoria. O xurado está composto por Ledicia Costas, Mario Regueira, Ramón Nicolás, Mercedes Queixas e Eva Moreda.

O xurado chega á xuntanza final con 18 novelas sobre a mesa, as finalistas das 101 presentadas, máis do dobre da edición con máis presenza de obras en galego das anteriores en que podían concorrer nas dúas linguas que foi en 2009 con 47 títulos presentados. Nesta edición, por vez primeira, a Área de Cultura da Deputación da Coruña convocou dúas edicións separadas, unha para obras en lingua galega e outra en castelán, da que se coñecerá a obra gañadora o vindeiro martes día 20 de decembro.

12 de decembro de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.