publicidade hoxe

Un total de 17 empresas concorren á licitación das obras para a residencia universitaria do Calvo Sotelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

Un total de 17 empresas presentaron as súas ofertas no proceso de licitación das obras de acondicionamento da futura residencia universitaria do Calvo Sotelo, que financia a Deputación da Coruña cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

O prazo de presentación de propostas pechou o xoves 15 de decembro, pero aínda se esperan outras posibles plicas presentadas a través de oficinas de Correos. Cando remate este prazo, que se estima nunha semana, a Deputación procederá á adxudicación das obras á empresa que presentase a mellor oferta.

Co acondicionamento da que será a primeira residencia universitaria publica da cidade, a Deputación pretende dar resposta á demanda dun crecente número de estudantes que cursan estudos na Universidade da Coruña (UDC).

A través dun convenio coa UDC, a institución provincial cederá un espazo de 2.212 metros cadrados no centro Calvo Sotelo, situado na rúa Archer Milton, no barrio de Labañou, por un período de 10 anos, financiará os traballos e encargarase da dirección técnica dos mesmos. Pola súa banda, a Universidade asumirá os gastos de funcionamento e mantemento dos espazos cedidos e velará pola súa conservación.

Acondicionamento de 88 habitacións dobres

As obras repartiranse en dúas fases, dotadas con 962.951 e 1.553.421 euros de orzamento, respectivamente, durante as cales se reformarán as 60 habitacións dobres situadas na primeira e segunda planta, e habilitaranse un mínimo de 28 máis. Estas 88 dependencias terán unha superficie aproximada de 20 metros cadrados, contando con armarios empotrados e baño propio con dous lavabos, ducha e retrete. Deste modo, demoleranse os baños comunitarios actuais e transformarase este espazo en zonas comúns de convivencia, ocio e traballo.

As actuacións financiadas pola Deputación tamén incluirán a reforma integral das instalacións de calefacción, iluminación, ventilación, fontanería e saneamento. Para mellorar a eficiencia enerxética, renovarase a caldeira e instalarase un panel solar de 2 metros cadrados.

Así mesmo, acometeranse melloras na accesibilidade do edificio coa incorporación dunha rampla de acceso e a adaptación do ascensor, garantindo a circulación das persoas con mobilidade reducida. Ademais, o proxecto contempla a creación dun novo acceso ao edificio desde a praza situada ao este, fronte ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT).

Tamén se construirá unha nova escaleira de evacuación lateral e disporanse os equipos e instalacións adecuados para facer posible o control e a extinción de incendios, así coma a transmisión da alarma aos ocupantes, para que poidan abandonar ou alcanzar un lugar seguro dentro do edificio en condicións de seguridade. Entre estas medidas, atópanse a instalación dunha rede de detectores de incendio de tipo óptico, bocas de incendio e novos extintores.

16 de decembro de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.