Turismo de Galicia remata o calendario anual de promoción do segmento de negocios participando na feira ILTM
A cidade francesa de Cannes acolle, dende hoxe e ata o próximo día 8 de decembro, o certame turístico especializado en turismo de negocios International Luxury Travel Market (ILTM), no que participa Turismo de Galicia para promover a oferta galega deste segmento entre os operadores especializados máis importantes do mundo.
Turismo de Galicia está presente nesta XV edición da ITLM a través dun espazo no que presenta a oferta galega no ámbito dos congresos, convencións e reunións de empresa. Así mesmo, no marco deste certame manterá unha axenda de xuntanzas con axentes internacionais especializados na comercialización desta modalidade turística.
Con esta feira, Turismo de Galicia pecha o calendario anual de actividades relacionadas coa promoción do turismo de negocios segundo o que o departamento de Turismo da Xunta participou nos principais acontecementos nacionais e internacionais relativos á comercialización deste xénero turístico.
Feiras e reunións de traballo
Antes da participación na feira ILTM, Galicia estivo presente nos 10 eventos máis destacados que se celebraron en Europa en 2016 e que están relacionados cos principais mercados internacionais do turismo de negocios.
Así, o departamento de Turismo da Xunta, participou na feira ConfecBlue e no workshop Meeting & Summit Incentive, destinado á comercialización do turismo de negocios entre os operadores internacionais e no workshop ConfecRed, que convocou aos axentes británicos máis importantes deste sector.
Turismo de Galicia participou tamén no Salon Réunir de París, co fin de promover a organización de congresos na Comunidade galega entre os operadores turísticos franceses.
Ademais, a Xunta de Galicia estivo na feira IMEX de Fráncfort para difundir entre os operadores turísticos europeos os valores do turismo de negocios galego.
Así mesmo, o departamento de Turismo da Xunta asistiu en Madrid ao certame M & I Forum Europa, así como á feira The Meeting Space Autum, en Grecia.
Turismo de Galicia acudiu tamén un ano máis ao evento TTG Incontri, que tivo lugar en Rímini (Italia) para promover o turismo de negocios galego no mercado italiano e participou na feira IBTM World de Barcelona, entre os días 29 de novembro e 1 de decembro.