“Transformando Ourense” pon en común iniciativas empresariais de éxito no medio rural
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe en Bande o III Foro “Transformando Ourense” (TOU), que organizan a Deputación de Ourense, o Concello de Bande e o xornal La Región e que se desenvolve entre hoxe e mañá nas instalacións do Mercado do Xurés, no municipio de Bande. Nesta edición os debates, relatorios e mesas redondas xiran ao redor da temática: “Novas políticas e novas oportunidades para o medio rural”, analizando entre outros factores o papel que xogan as deputacións no impulso das iniciativas e da economía do rural”.
O foro ten como finalidade poñer en común proxectos que sirvan de exemplo para fomentar o cooperativismo e o desenvolvemento de ideas de negocio no medio rural, e tamén pretende visibilizar as políticas orientadas á competitividade no rural e ofrecer información sobre produtos, métodos e recursos que se poden desenvolver nas contornas rurais.
Nestes sentido, o presidente do goberno provincial explicou no relatorio inaugural “a importancia que as deputacións teñen para a prestación dos servizos públicos nos pequenos e medianos concellos, pois no existiría o rural sen as deputacións nin tampouco as deputacións sen o rural”, subliñou Manuel Baltar, unha frase que resume, na súa opinión, “as fundamentais achegas que os gobernos provinciais ofrecen no desenvolvemento local, un ámbito para o que sempre defenderei o discurso do territorio, xa que os cidadáns merecen ter os mesmos servizos residan onde residan”.
Manuel Baltar foi presentado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e estivo acompañado no acto de inauguración polo alcalde de Bande, José Antonio Armada, e polo director de La Region, José Pastoriza. Armada destacou a importancia “de facer rural entre todos”, e remarcou que proxectos como o “Raia Termal” ou a recente apertura das instalacións do Mercado do Xurés, “permitirán a esta comarca, conxuntamente cos nosos veciños de Portugal, potenciar a riqueza que ten o Parque Natural Xurés-Geres, pois a fronteira queda só como unha palabra nun momento no que o que conta é unir iniciativas e territorios”.
Pola súa banda, José Pastoriza afirmou que cooperar “é o único xeito de saír adiante” e destacou que foros como este “fomentan o impulso de ideas e iniciativas, e para La Región é un pracer e unha obriga estar ao carón desta foro de debate”.
No seu relatorio, Manuel Baltar enumerou os programas e proxectos que teñen situado á Deputación de Ourense como un referente de vangarda nos ámbitos da creatividade, a transparencia, o medio ambiente ou a xestión. Desde o eficaz labor económico que está a levar a cabo a institución provincial, “que permitirá que cheguemos á débeda cero no ano 2019”, ata a innovación da Carta de Servizos Provinciais, o Plan de mandato “Ourense 15-19” -que establece mes e ano no que se executará cada proxecto-, o Observatorio Económico Ourensán; os plans de obras, emprego e natalidade ou a creación do Consello Europeo de Economía Sostible -que terá a súa sede en Ourense-, Baltar expresou que este “é o momento político do consenso e do diálogo, no que temos que poñer o foco no financiamento local, porque non hai outro camiño que potenciar os gobernos locais, crer no territorio e ver o todo o positivo que ten a provincia de Ourense; só así iremos cara a excelencia na prestación de servizos, xestionando adecuada e dimensionadamente para os nosos concellos e cidadáns”.
O Plan “Ourense, a provincial termal”, a participación en organizacións de ámbito europeo de cooperación, medio ambiente e termalismo, así como a presenza de Ourense en foros nacionais e internacionais son, para Manuel Baltar, unha estratexia “que posiciona e impulsa a “marca Ourense” cun distintivo de calidade que nos permite dar a coñecer as singularidades do noso territorio, do que temos moito que pór en valor porque na ourensanía non existen fronteiras”.
Ao longo da tarde de hoxe e de mañá xoves expertos en financiamento, desenvolvemento rural, comercio electrónico e innovación tecnolóxica debaten no foro temas como “A transformación dos ríos como contribución ao desenvolvemento rural”, o “Posicionamento da marca no mercado”, o “Apoio para os emprendedores no medio rural”, “O comercio electrónico para as empresas do rural” e tamén se expoñen iniciativas de éxito impulsadas por emprendedores”.