publicidade hoxe

Sol Vázquez promove a diversificación do traballo das redeiras con iniciativas de formación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe en Rianxo o curso de formación para redeiras “Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda” que están a impartir os deseñadores Charo Froján e Alfredo Olmedo, da empresa D-Due, e que remata este vindeiro sábado.

A iniciativa forma parte das actividades formativas impulsadas en colaboración pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar no marco do proxecto Enredadas para afondar na promoción da diversificación profesional das redeiras artesás de Galicia.

Con este obxectivo, celebráronse ao longo deste ano en total catro cursos organizados pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño na Guarda, Ribeira, Corme e Rianxo. As accións formativas centráronse no deseño de pezas específicas e na mellora da elaboración de complementos, bixutería e elementos de deseño co fin de impulsar a comercialización dos artigos elaborados polas redeiras artesás de Galicia.

O 17 de decembro remata na Guarda o curso de “Perfeccionamento de deseño e produción de novos produtos de bixutería”, impartido pola deseñadora Montserrat Álvarez, que ten lugar na sede da Asociación de redeiras Atalia e no que participan sete redeiras deste colectivo.

Na localidade coruñesa de Corme a deseñadora de moda Rosalía Castro impartiu o curso “Deseño e produción de novos complementos de moda para redeiras” co fin de achegarlles novas técnicas que potencien novos produtos de complementos vinculados ás tendencias e á moda actual. En Ribeira celebrouse o curso “Formación para a produción de mobiliario” que o estudo de deseño Juan Ares Design Marine impartiu xunto coa artesá de cestería contemporánea, Idoia Cuesta. O obxectivo do curso foi que as redeiras participantes elaborasen varios prototipos do deseñador de Boiro, como antucas, puffs ou paneis acústicos a través das técnicas que empregan no seu labor habitual fusionándoas coas técnicas de cestería que aporta Idoia Cuesta.

1 de decembro de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.