Selecciónanse as curtametraxes do festival ‘Telearqueoloxía’
A partires de maña día 2 e ata o 15 de decembro, o público poderá votar as curtas sobre patrimonio arqueolóxico participantes no Festival ‘Telearqueoloxía’. Estas votacións realizaranse a través da web do proxecto ‘telearqueoloxia.museo.depo.es’, e segundo os requisitos que se especifican na mesma páxina. Tanto o fallo do xurado como o resultado das votacións do público faranse públicos o día 16 de decembro nun acto que terá lugar no Auditorio do Sexto Edificio a partir das 18:00 h.
‘Telearqueoloxía’, o I Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio da provincia de Pontevedra contempla premios nas dúas categorías, adultos e menores de idade, que suman un total de 10.000 euros. Así, o primeiro premio da ‘Categoría Bifaces’ -maiores de 18 anos- contempla unha dotación de 3.000 euros, o segundo 2.000 e o premio do público 1.500 euros. Na ‘Categoría Lascas’ -entre 12 e 18 anos-, o primeiro premio está dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.250 e o premio do público con 750 euros.
O xurado do Festival reuniuse esta mañá e seleccionou as curtametraxes que durante os días 14,15 e 16 de decembro se poderán visionar no Auditorio do Sexto Edificio do Museo. Na categoría Bifaces, o xurado seleccionou 10 curtametraxes das 26 presentadas, mentres que na categoría Lascas vanse poder visionar todas as curtametraxes presentadas polos rapaces e rapaces menores de 18 anos. Ademais, todas aquelas curtas presentadas que cumpriron cos requisitos establecidos nas bases de participación poderán visionarse a través da web de telearqueloxía.
Hai que lembrar que as curtametraxes presentadas ao festival ‘Telearqueoloxía’ versan ao redor de investigacións sobre o patrimonio arqueolóxico, nas que se pon de relevancia o patrimonio presente na provincia de Pontevedra ou nos fondos do Museo de Pontevedra. O Festival estableceu dúas categorías, para menores de 18 anos, denominada ‘Lascas’, e outra para maiores de 18 anos denominada ‘Bifaces’. Na primeira presentáronse 30 curtas, sobre todo procedentes de alumnos de institutos de toda a provincia, que abordaron temáticas como a cultura castrexa, os petroglifos, a cultura vikinga, a cultura romana, a espada de Brandomés, o traballo das excavacións e tamén os diferentes instrumentos musicais do Neolítico. Na categoría ‘Bifaces’ o número de curtas presentadas foi de 26, sendo participantes entidades como o CIFP Carlos Oroza (con seis traballos), a Escola de Audiovisuais de Vigo e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), a asociación da Costa dos Castros, o Instituto de Estudos Miñoranos, así como persoas individuais e produtoras. A temática a abordar nestes casos centrouse sobre todo no significado da arqueoloxía para as persoas e os pobos, pero tamén houbo curtas relacionadas coas torres de defensa na Idade Media, os dolmen, os castros, petroglifos, ou os ‘Equs ferus atlanticus’, cabalos primitivos dos montes de Galiza.