publicidade hoxe

Salvamento non ve restos de contaminación na zona onde se afundiu un pesqueiro en Malpica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Europa Press

A embarcación de Salvamento Marítimo ‘Salvamar Mirfak’, que realizou este venres pola mañá un recoñecemento con luz diúrna na zona do afundimento do pesqueiro ‘Sempre Urbegi’, preto do porto coruñés de Malpica, non constatou a existencia de “restos de contaminación”.

Así o confirmaron fontes de Salvamento Marítimo despois de que na zona se localizasen “pequenas manchas” de gasóleo. En concreto, por parte da Consellería do Mar precisouse que se trataba de “irisacións moi pequenas” e que, por iso, dende Salvamento Marítimo, non se requiriu o Servizo de Gardacostas.

Mentres, durante a xornada deste venres, está previsto que mergulladores da base de Salvamento Marítimo de Fene (A Coruña) se trasladen á zona para avaliar “en qué condicións” está a embarcación afundida, precisaron dende este organismo.

Por outra banda, varias embarcacións, dous barcos e lanchas pequenas, encargáronse de recoller os aparellos do barco afundido, a media milla de Malpica, e do que foron rescatados os seus dez tripulantes polo pesqueiro ‘Anzol’, que se atopaba na zona, indicou Salvamento Marítimo.

BARCO RECÉN ADQUIRIDO

Da tripulación, todos se atopaban en bo estado, aínda que dous deles tiveron que recibir asistencia sanitaria. En concreto, un presentaba síntomas de hipotermia e un golpe nunha man, polo que foi trasladado ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Ponteceso.

O outro ferido é o patrón da embarcación, que recibiu un golpe na cabeza. Se ben recibiu asistencia sanitaria, non tivo que ser evacuado. Fontes consultadas confirmaron que este é o segundo sinistro que tivo o patrón do pesqueiro en pouco tempo e que acababa de comprar o barco.

VÍA DE AUGA

Segundo informou Salvamento Marítimo, á 1,31 horas deste venres recibiuse a chamado do pesqueiro ‘Sempre Urbegi’, duns 19,4 metros de eslora e porto base en Camariñas (A Coruña), que pedía axuda debido a unha vía de auga cando se atopaba a unha media milla do porto coruñés de Malpica.

Á 1,57 horas o ‘Anzol’ informaba de que rescatara os dez tripulantes do pesqueiro afundido, que estaban a bordo dunha balsa salvavidas, e que estes se atopaban en bo estado, tras o que foron levados ao porto de Malpica.

O pesqueiro foise a pique sobre as 2,00 horas deste venres nas proximidades do porto de Malpica. Segundo se lle indicou ao servizo de emerxencias, a embarcación tocou nun baixo do porto e acabouse afundindo case por completo.

9 de decembro de 2016 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.