Representantes do sector pesqueiro galego visitan Bruxelas para coñecer o papel das institucións europeas na Política Pesqueira Común
Unha comitiva formada por 20 representantes do sector pesqueiro de Galicia estivo estes días en Bruxelas co fin de coñecer máis de cerca a realidade das institucións europeas e o seu papel no deseño da Política Pesqueira Común da Unión Europea. Coa colaboración da Fundación Galicia Europa, os membros da comitiva tiveron a oportunidade de asistir a diversas reunións con expertos en materia pesqueira e intercambiar opinións sobre os retos que afronta o sector tanto a nivel galego coma europeo.
A delegación acudiu esta mañá ao Comité Europeo das Rexións (CdR), onde foron recibidos polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quen expuxo o papel desta asemblea de representantes locais e rexionais na UE e, concretamente, da súa comisión de Recursos Naturais (NAT) encargada dos temas de pesca. Gamallo explicou o labor que desempeña a Xunta nesta asemblea para defender a importancia socioeconómica da pesca. Así, aludiu aos dous ditames de opinión que el mesmo liderou sobre o potencial do sector da acuicultura en toda a UE e ao ditame sobre o futuro regulamento de conservación de recursos pesqueiros con medidas técnicas que vai ser aprobado hoxe na sesión plenaria do CdR. Galicia contribuíu amplamente a este ditame no seo da NAT trasladando a posición do Consello Galego de Pesca sobre este importante acto lexislativo que pretende simplificar as medidas técnicas destinadas ao sector pesqueiro.
Os actores europeos no sector pesqueiro
Durante a xornada de onte o grupo de representantes acudiu á sede da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, onde asistiron a unha mesa redonda sobre a defensa dos intereses pesqueiros no proceso europeo de toma de decisións organizada con motivo da súa visita. O debate contou coas intervencións de representantes da propia FGE, a Consellería do Mar, a asociación europea das organizacións nacionais de empresas pesqueiras da Unión Europea (EUROPECHE) e as dos conselleiros de Pesca da Representación Permanente de España ante a UE. Deste modo, o sector pesqueiro galego puido ter unha completa visión dos distintos actores que están a traballar en Bruxelas no eido pesqueiro, complementando as visitas do luns ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea.
Na Eurocámara, tiveron a oportunidade de asistir a unha reunión da Comisión de Pesca, ademais de recibir información sobre o traballo desta institución colexislativa da man de varios eurodeputados activos no eido da pesca. Na Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE), explicáronlles os expedientes en curso e foron recibidos polo seu máximo responsable, Joao Aguiar Machado.
Visita ao porto pesqueiro de Bruxas
Onte pola mañá, a delegación visitou o porto pesqueiro de Zeebrugge, no Mar do Norte, onde foi acollida por membros da lonxa e a confraría de pescadores. Coa axuda da Cámara Oficial de Comercio de España en Bélxica, a delegación galega puido compartir experiencias e puntos de vista cos flamencos e comprobar que, malia a gran diferencia de tamaño das súas flotas, enfróntanse a problemas similares.