Refórzase o sistema de videoconferencias nos xulgados de Santiago
Os xulgados de Santiago dispoñen dun novo equipo de videoconferencias desde este mes, dentro do proceso de reforzo e ampliación deste sistema previsto pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco do Plan Senda 2020.
Xunto cos xulgados de Santiago, que rexistraron preto de 500 videoconferencias neste ano, tamén contan con novos terminais de videoconferencia os xulgados da Coruña, Betanzos e Vigo. Estas catro sedes xudiciais concentran preto da metade das videoconferencias rexistradas en 2016. Ademais, o partido xudicial de Caldas de Reis incorporouse ao sistema de videoconferencias coa dotación dun terminal.
Este proceso continuará de xeito progresivo ao longo do 2017 cun dobre obxectivo: estender o sistema de videoconferencias a todos os partidos xudiciais e reforzar o equipamento na práctica totalidade das sedes xudiciais que xa dispoñen do servizo. A ampliación e reforzo do sistema de videoconferencias irá acompañado de sesións técnicas de formación sobre o seu uso e manexo.
Actualmente, o sistema de videoconferencias conta con 64 equipos (44 móbiles e 20 fixos), que neste ano rexistraron máis de 5.200 comunicacións. A creación deste sistema foi un dos obxectivos do primeiro Plan Senda, e iniciouse en 2011, momento no que os xulgados galegos contaban só con 21 equipos, que non estaban integrados en rede nin monitorizados.
O sistema de videoconferencia supón importantes vantaxes ao reducir tempos e custos en desprazamentos e o seu uso incrementouse progresivamente desde a súa posta en marcha.
Plan Senda 2020
Todas estas actuacións enmárcanse no Plan Senda 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar cara o cero papel.
Galicia iniciou este proceso en 2009 coas medidas do I Plan Senda (renovación de equipamento e infraestruturas de telecomunicación en todas as sedes xudiciais, implantación de sistemas de información para os diferentes perfís profesionais da Administración da Xustiza) e que culminará coa implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico.
O Plan Senda 2020 busca conseguir unha xustiza máis próxima e transparente, máis eficiente grazas á xestión electrónica e segura e conta cun investimento previsto de 26,6 millóns de euros.