Quintana avoga pola eliminación dos descartes pesqueiros de xeito paulatino e buscando alternativas de viabilidade
A Consellería do Mar defendeu esta mañá a eliminación dos descartes pesqueiros (práctica de devolver ao mar as capturas de peixe non desexadas) de forma paulatina e buscando sempre alternativas de viabilidade para a frota, é dicir, respectando sempre os parámetros sociais, económicos e ambientais. Así o explicou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na inauguración da II Jornada sobre la aplicación de la obligación de desembarque. Selectividad de artes y aprovechamiento de descartes, organizada pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI).
Rosa Quintana reiterou que a eliminación dos descartes é unha preocupación da Xunta desde o minuto un e que comparte na súa totalidade co sector xa que “a aplicación da política de descartes cero é inviable sen contar cunhas medidas técnicas que a fagan posible”. Tamén recordou que esta política choca frontalmente co mal chamado principio de estabilidade relativa (que é o que rexe o reparto de TACs e cotas pesqueiras na Unión Europea).
Ademais, a conselleira aproveitou para lembrar que despois de que Reino Unido votara a favor do popularmente coñecido como Brexit, o seu departamento encargou un informe ao Instituto Salvador de Madariaga que recolle explicitamente que a retirada dun dos países que máis se ten beneficiado do sistema de reparto de posibilidades de pesca sobre a estabilidade relativa, como é o caso do Reino Unido, podería ser a ocasión de revisar este criterio, de forma que se contribuíse a avanzar no camiño que facilite a política de desembarque de todas as capturas, explicou.
Neste sentido, Rosa Quintana tamén trasladou a necesidade de afondar no aproveitamento dos descartes de cara a engadirlle valor a especies pesqueiras que a día de hoxe non o teñen ou de empregar algunhas especies na elaboración de subprodutos da pesca.
TACs e cotas 2017
A conselleira aproveitou tamén para lembrar que para que a aplicación dos descartes sexa efectiva e real precísanse incrementar as posibilidades pesqueiras da frota galega. A este respecto e tras o acordo acadado no Consello de Ministros de Pesca da UE no que se acordaron as cotas do ano que vén, Rosa Quintala valorou o acordo como positivo en liñas xerais, xa que se acadaron melloras notables grazas ás negociacións feitas desde o Ministerio, que aportou argumentos científicos e socioeconómicos para acadar máis cotas das que establecía a Comisión Europea inicialmente.
Nesta liña, explicou que a cantidade global de posibilidades de pesca para España ascendeu en 44.144 toneladas sobre a atribución deste ano, o que supón un 20% máis. Isto quere dicir que se daría un incremento do valor económico de aproximadamente 76 millóns de euros para a nosa frota (se aplicamos o prezo medio do peixe e do marisco durante este ano).
Finalmente, a conselleira fixo fincapé na importancia de desenvolver encontros coma este para abordar as inquedanzas sobre o porvir da Galicia marítimo pesqueira. Destacou a necesidade de realizar estes foros para intercambiar experiencias que contribúan ao fortalecemento do complexo mar-industria de Galicia, sinalou.