publicidade hoxe

Preséntase na UDC a edición facsímile do primeiro número d’A Nosa Terra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A vicepresidenta e responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, participou no acto de presentación da edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra que puxo o ramo ao ano das Irmandades da Fala.

Tan só uns días despois de que a exposición do centenario da creación das Irmandades, “Saúde e Terra, irmá(n)s”, organizada pola Deputación da Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega, pechase en Ferrol o seu percorrido polas sete cidades galegas, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín fixo balance do Ano das Irmandades na súa participación no acto de presentación da edición facsímile do primeiro número do seu voceiro na Universidade da Coruña.

O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.

Goretti Sanmartín lembrou na súa intervención que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.

Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala con distintas iniciativas encamiñadas a darlle continuidade a unha conmemoración que se iniciou por volta da data en que as Irmandades se reuniron na Coruña por vez primeira. Para conmemorar aquela data, a Deputación fixera unha ofrenda floral, coa participación de Elvira Varela, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela, diante do edificio da Coruña en que se desenvolvera aquela xuntanza que non tardaría en se expandir polo país. Agora, cando remata o 2017, Goretti Sanmartín destaca o legado das Irmandades e a súa herdenza que permanece viva xeración tras xeración, por quen comparte aqueles anceios de coherencia e defensa da Terra que conduciron os promotores de A Nosa Terra. “Tiñan clara a necesidade de medios propios na nosa lingua e crear canles de comunicación para espallar as súas ideas”, sinalou Goretti Sanmartín.

No acto de presentación, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.

“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.

29 de decembro de 2016 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.