publicidade hoxe

Ponteareas acolle a presentación de “SmartPeme” para pemes e persoas emprendedoras e autónomas da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+

O Deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, asistiu esta mañá á presentación do proxecto “SmartPeme” entre o tecido empresarial de Ponteareas co obxectivo de pór énfase na implantación de novas formulacións en materia de estratexia dixital. A xornada tivo lugar na Casa do Concello de Ponteareas e tamén contou coa asistencia do seu alcalde, Xosé Represas.

O proxecto “SmartPeme” é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e persoas emprendedoras e autónomas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos, todo iso empregando as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…).

O deputado provincial Javier Dios asegurou que “SmartPeme está pensado como un servizo que engloba a todos os axentes implicados no emprego porque é algo que nos atangue a todos e a todas as que estamos unidos e unidas polo noso firme compromiso polo benestar da cidadanía”, por iso celebrou que “este programa estea pensado para lle dar aos concellos o protagonismo que merecen ter” e poder así, sinalou o Deputado provincial, “traballar xuntos pola prosperidade e a modernización da nosa provincia”.

Unha das vantaxes que incorpora o novo modelo, herdeiro do anterior CPAE 2.0, é a incorporación dunha estratexia personalizada para cada caso individual, ademais da especialización de cada unha das oficinas segundo os sectores máis implantados no tecido empresarial de cada territorio. Malia isto último, os asesores e asesoras de “SmartPeme” tamén ofrecen este servizo a todas as persoas que acudan a outra das oficinas nas que esa área concreta non sexa a súa especialidade, establecendo polo tanto un servizo centralizado e en constante contacto entre os diversos puntos e oficinas da rede.

Nas oficinas de “SmartPeme” instaladas en Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo estanse pondo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, a colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, a especialización sectorial en función das necesidades das áreas de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e o impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

“SmartPeme” consegue, ademais, que a colaboración cos concellos sexa máis estreita xa que o proxecto se oferta como un servizo propio dos municipios, para que sexan eles os que presten o asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras. Isto é así porque dende a Deputación de Pontevedra considérase que as corporacións municipais son as que mellor coñecen a realidade empresarial dos seus territorios e, polo tanto, quen poden ofertar un servizo máis adaptado segundo os sectores máis presentes nos tecidos empresariais desas vilas (unha especialización que tamén se leva a cabo nas oficinas). A institución provincial se converte deste xeito nun vehículo para que os concellos poidan converterse nos protagonistas, ofertando un servizo que responda ás necesidades das veciñas e veciños da provincia que se dediquen ao mundo empresarial ou queiran emprender.

“SmartPeme” ofrece axudas ás pemes e persoas emprendedoras e autónomas en aspectos como a elección do market place máis axeitado, un acompañamento durante o proceso de implantación do comercio electrónico, consellos sobre as ferramentas adecuadas para mellorar a produtividade e a resolución das dúbidas sobre as TIC que poidan ter estas persoas.

12 de decembro de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.