publicidade hoxe

Os xuíces piden por un pacto de Estado pola Xustiza para mellorar a administración xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Asociación Profesional da Magistratura, Manuel Almenar, e o portavoz nacional de Xuíces para a Democracia, Ignacio González, fixeron fincapé na necesidade de que haxa un pacto de Estado pola Xustiza, que permita mellorar a administración de Xustiza en España e suprimir “a percepción de politización” da mesma.

Así o trasladaron este xoves antes de protagonizar en Vigo un xantar-coloquio organizado polo Foro de Dereito Alumni Pontevedra da Universidade de Navarra, no que abordaron os principais retos que afronta a Xustiza de cara á nova lexislatura e as prioridades ás que debería prestarse maior atención neste campo.

En canto aos retos, Almenar indicou que hai dous problemas principais aos que hai que facer fronte na administración de Xustiza, como son o funcionamento “tradicionalmente deficiente ou mellorable que fai que non tutele os dereitos dos cidadáns coa eficiencia, calidade e a rapidez” óptima; así como “a percepción de politización”.

“A combinación de ambos está a provocar un problema máis grande, que é a progresiva perda de credibilidade, a perda de confianza dos cidadáns na súa administración de Xustiza”, sostivo, a colación do que incidiu na importancia de pór solucións e plasmalas nun pacto de Estado. “Esperamos que por fin esta sexa a lexislatura da Xustiza”, selou.

Neste marco, ao ser preguntado sobre se cre que un goberno sen maioría absoluta pode favorecer a mellora do sistema, respondeu que “si, porque é necesario sacar a Xustiza dos cambios políticos”. “Como a sanidade e a educación, a Xustiza é unha prioridade que debemos construír entre todos, por encima de intereses particulares, partidistas; e investir en Xustiza política e economicamente é investir no futuro do noso país”, apostilou.

MELLORAR A XUSTIZA

González coincidiu na necesidade de que haxa un pacto de Estado para reformar a Xustiza, e engadiu que, “no terreo das liberdades, -están- en contra de leis aprobadas na anterior lexislatura que restrinxiron de modo considerable as liberdades e dereitos cidadáns”, onde mencionou a coñecida como ‘lei mordaza’ e a reforma do código penal.

“Habería que derrogalas e establecer outro tipo de leis máis acordes co espírito constitucional”, remarcou, antes de lembrar que no Parlamento hai unha maioría “a favor de derrogar a ‘lei mordaza’ e ampliar os dereitos dos cidadáns que se viron recortados nesta última lexislatura”. “Había que reformar algunhas leis e elaborar outras”, agregou Almenar.

No caso concreto de Galicia, González indicou que os problemas da súa administración de Xustiza son similares aos do resto de España, e céntranse en cuestións “de organización e de eficacia”. “A solución pasa por crear tribunais de instancia e investir máis medios económicos e humanos na administración de Xustiza”, concluíu.

1 de decembro de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.