Os dez parques de bombeiros comarcais da Coruña realizaron 1.672 intervencións o pasado ano
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor asistiu esta mañá ao pleno extraordinario do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña, onde aprobou a memoria de actividade do ano pasado, que recolle un total de 1.672 intervencións nos 10 parques de bombeiros comarcais e as intervencións do parque de Ferrol fóra da cidade naval, incluidas no convenio de comarcalización.
Destas 1.672 intervencións, 192 corresponde ao parque de bombeiros de Carballo, 305 ao de Arteixo, 240 ao de Boiro, 212 ao de Ribeira, 139 ao de Ordes, 106 ao de Arzúa, 225 ao de Betanzos, 89 ao de As Pontes, 68 ao de Cee, 61 ao de Santa Comba e 35 á comarca de Ferrol.
Por tipo de intervención destacan os incendios en vivendas, locais, naves e vehículos (489), seguidos de incendios forestais (76), fugas de auga e gas (85), accidentes de tráfico (69), excarceracións (54), limpeza de estradas (94) ou retirada de árbores (42). Tamén se efectuaron 27 saídas para actividades preventivas, 6 por derrubamentos, 64 para rescates de persoas, 12 para rescates de animais e 25 simulacros.
Dar voz aos alcaldes nun Consello Consultivo
Na xornada de hoxe constituiuse ademais o Consello Consultivo do Consorcio, un novo órgano que dá voz aos alcaldes dos 10 municipios nos que se ubican os parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña (Carballo, Arteixo, Boiro, Ribeira, Ordes, Arzúa, Betanzos, As Pontes, Cee e Santa Comba).
Entre as funcións deste novo órgano está emitir informes previos á memoria anual de actividades do Consorcio e á sinatura de convenios de colaboración como o aprobado hoxe para Ferrol, así como efectuar funcións de comité asesor de protección civil a nivel comarcal e servir como entidade de apoio ao presidente.
Ademáis dos alcaldes dos municipios onde se ubican os parques comarcais de bombeiros, o Consello Consultivo conta con dous representantes da Deputación da Coruña, dous representantes da Xunta de Galicia, e está presidido polo presidente do Consorcio provincial contra incendios.











