publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os concellos da Mariña recibiron unha achega de 904.000 euros do Plan Marco de mellora de camiños rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Vicedo
A-
A+

A Consellería de Medio Rural dedicou máis de 904.000 euros ás obras executadas nos concellos da comarca da Mariña a cargo do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias, que está cofinanciado nun 75% con fondos Feader.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, supervisou hoxe os traballos executados no concello do Vicedo, onde se reparou a estrada do Vilar grazas a unha achega de 57.130 euros. Durante a visita estivo acompañado polo alcalde, Jesús Novo.

Estes traballos supuxeron a mellora dun tramo de máis de 2 quilómetros de lonxitude, no que hai accesos a numerosas fincas dedicadas tanto a pasto como a labradío e tamén a explotación forestal. Así mesmo, conecta as localidades de As Cortellas e O Vilar.

Balseiro salientou que o obxectivo deste plan “é mellorar comunicacións viarias no rural que son indispensables tanto para a comodidade e seguridade dos veciños e veciñas como para o desenvolvemento da actividade económica, xa que son transitadas tamén por vehículos agrícolas e industriais, entre outros”.

En definitiva, sinalou o delegado, a Xunta persegue “mellorar as dotacións tanto de infraestruturas como de servizos básicos para facer do medio rural un entorno atractivo no que residir e traballar para a xente moza”.

Os criterios de repartición para desenvolver o Plan Marco 2016 foron consensuados entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e, establecen, entre outras condicións, que as actuacións propostas deben, cando menos, facilitar o acceso a dúas ou máis parcelas integrantes de explotacións agrarias, favorecer o acceso a montes veciñais en man común ou ben o acceso a parcelas incorporadas ao Banco de Terras de Galicia.

19 de decembro de 2016 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.