publicidade hoxe

Ofértanse 90 prazas de formación en socorrismo acuático para persoas desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña saca a licitación, por un importe máximo de 129.000 euros, os servizos de impartición de cursos de formación en socorrismo acuático dirixidos a persoas desempregadas.

Os cursos serán totalmente gratuítos e estarán abertos para os habitantes de todos os concellos da provincia en tres sedes : A Coruña, Santiago e Ferrol, acollendo en cada unha aos participantes dos municipios máis próximos.

En cada zona, impartiranse dúas formacións, unha de especialidade en espazos acuáticos naturais e outra en instalacións acuáticas, cuxos custos de 22.500 euros e 20.500 euros respectivamente asume integramente a Deputación. En total, a institución provincial destina 43.000 euros a cada unha das zonas para que se impartan os cursos de socorrismo.

Estas formacións permitirán o acceso directo aos certificados de profesionalidade AFDP0109 Socorrismo en Instalacións Acuáticas e AFPD0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

O número de asistentes será dun máximo de 15 persoas por edición, polo que as prazas ofertadas ascenden a 90 en toda a provincia. Os beneficiarios serán designados polo equipo técnico do proxecto de entre as persoas que resulten admitidas nos procesos de captación e selección realizados nos municipios.

Co obxectivo de chegar ao maior número de usuarios posibles e facilitar a súa asistencia ás clases, poderán ser consideradas diversas opcións de flexibilización das accións formativas, coma horarios adaptados ou a convalidación dalgúns dos módulos formativos. Así mesmo, fomentarase a participación en ambas especialidades nun período de tempo relativamente curto, coa corresponde obtención de dous certificados de profesionalidade.
Co desenvolvemento destas accións formativas, incluídas no proxecto Rede Xiana 2, a Deputación pretende mellorar os niveis de empregabilidade dos demandantes de emprego na provincia, aumentando o seu nivel formativo.

Ademais, esperase que os profesionais formados nestes cursos contribúan a solventar a falta de socorristas nas praias galegas durante os períodos estivais. Estas carencias xa supuxeron graves problemas durante o pasado verán, coma o aumento dos afogamentos ou a retirada da bandeira azul a praias coma as de Miño ou Valdoviño, que non conseguiron contar co servizo de vixilancia axeitado.

27 de decembro de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.