O polígono das Gándaras rexistra máis dun 20% do solo vendido a prezos bonificados en Galicia
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o polígono das Gándaras, en Lugo, onde destacou o seu dinamismo ao aglutinar máis dun 20 % do solo vendido a prezos bonificados en Galicia. Na actualidade hai case 100 parcelas vendidas, das que 61, un total de 134.000 metros cadrados, foron adxudicados con descontos activados polo Goberno galego.
Vázquez Mourelle coñeceu hoxe dous proxectos empresariais que se teñen decantado por este polígono das Gándaras para ampliar o seu negocio e desenvolver aquí a súa actividade, aproveitando as bonificacións no prezo do solo empresarial do 50% postas en marcha pola Xunta.
A empresa Álvarez Alimentación dedícase á comercialización de produtos galegos en Cataluña, e mercou 2.500 m² de solo a prezos bonificados, o que lle permitiu triplicar a superficie das instalacións.
A outra empresa visitada hoxe pola conselleira é Ben Ferreiro, de fabricación e montaxe de estruturas metálicas, que aposta pola súa ampliación e modernización coa compra de 7.100 m² nas Gándaras, onde xa está a construír a súa nova nave industrial .
A responsable de Vivenda subliñou que se trata de dúas empresas que teñen elixido As Gándaras para incrementar produción e gañar en competitividade. Concretou que son boas mostras de que a posta a disposición de solo en condicións vantaxosas como as que ofrece a Xunta nos parques da súa propiedade, fai que moitas empresas elixan Galicia para instalar ou expandir os seus proxectos.
Neste parque empresarial as empresas que xa se asentaron ou están en proceso de establecerse correspóndense con sectores como o dos combustibles, transportes, construción, suministros industriais, carpintería metálica e de aluminio, promoción inmobiliaria ou laboratorio.
Ethel Vázquez lembrou que a venda de solo empresarial nos anos 2015 e 2016 se sitúa en Galicia en niveis anteriores á crise, con preto de 700.000 m² adxudicados, que supuxeron bonificacións de arredor de 25 millóns de euros. Precisou que Lugo é a provincia na que se ten vendido máis solo de toda Galicia. Nestes momentos hai na provincia 24 empresas que, ou ben xa teñen as súas instalacións rematadas ou teñen comezado os traballos de edificación para poder implantarse canto antes.
Vázquez sinalou que os datos demostran que os incentivos á venda de solo da Xunta están a dar resultados, o que representa unha boa nova para Lugo, para a provincia e para toda Galicia, xa que a ampliación ou asentamento das novas empresas suporá o incremento de actividade e traducirase en maior dinamismo económico e en creación de novos postos de traballo.