publicidade hoxe

O Pleno da Deputación de Ourense aproba o posicionamento para que a variante exterior do AVE se convirta en realidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de decembro, celebrada esta mañá no Pazo Provincial, o posicionamento para que a variante exterior do AVE sexa unha realidade. Nese senso, aprobou instar ao Ministerio de Fomento para que proceda a continuar avanzando na execución proxectada da variante ferroviaria entre Taboadela e Ourense.

Por outra parte, a corporación provincial tamén aprobou na Sesión Plenaria, o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento para o exercicio 2017, por importe de 3.806.000 euros.

Por outra parte, a Deputación de Ourense aprobou continuar apoiando ás escavacións e traballos de rehabilitación no campamento romano de Portoquintela, xunto co apoio á Fundación Aquae Querquenae nas xestións diante doutras administracións para fortalecer as actuacións, tendo en conta a súa grande relevancia histórica-patrimonial na provincia de Ourense.

En materia de benestar a corporación provincial aprobou definitivamente as bases reguladoras do Programa Provincial de asistencia aos concellos en materia de Servizos Comunitarios, así como do Programa Provincial BenOurense Infancia para a concesión de axudas para puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios dependentes de corporacións locais, para o ano 2017.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

ORZAMENTO DO CONSORCIO PROVINCIAL DE OURENSE PARA O SERVIZO CONTRA INCENDIOS E DE SALVAMENTO PARA O EXERCICIO 2017

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento para o exercicio 2017, conforme co proxecto aprobado polo pleno do Consorcio o 13 de decembro de 2016, por importe de 3.806.000 €.

O dito orzamento intégrase no orzamento xeral da Deputación Provincial para todos os efectos.

2º.- Someter a exposición pública o orzamento inicialmente aprobado polo prazo de 15 días hábiles, mediante anuncio no BOP. Durante o dito prazo os interesados poderán presentar reclamacións ante o Pleno nos termos previstos no artigo 170 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais. O orzamento do Consorcio considerarase definitivamente aprobado se durante o dito prazo non se presentan reclamacións; en caso contrario o Pleno da Deputación disporá dun prazo dun mes para resolvelas.

Unha vez definitivamente aprobado o orzamento do Consorcio inserirase, resumido por capítulos, no BOP, entrando en vigor no exercicio 2017.

INTEGRACIÓN DUNHA ESTRADA LOCAL DA COMARCA DA LIMIA NA REDE VIARIA PROVINCIAL

Acordo:

1º.- Solicitar dos concellos de Xinzo de Limia, Sarreaus e Vilar de Barrio a cesión da titularidade da pista de concentración que enlaza a N-525 coa estrada OU-1102, na parte que lles corresponda.

2º.- Incorporar a pista mencionada á rede de estradas da Deputación Provincial, para levar a cabo todas as actuacións encamiñadas a reducir a sinistralidade.

3º.- Proceder de forma urxente a realizar todas as actuacións de obra e mellora mencionadas nos informes de Tráfico en materia de seguridade viaria.

4º.- Solicitarlles aos tres concellos a sinalización adecuada das numerosas pistas que cruzan perpendicularmente a dita pista, motivo desta moción.

VARIANTE EXTERIOR DE OURENSE NA ALTA VELOCIDADE FERROVIARIA

Acordo:

1º.- Instar ao Ministerio de Fomento a que, en coherencia con todos os pasos administrativos antes citados, proceda nesta lexislatura a continuar avanzando na execución da proxectada variante ferroviaria entre Taboadela e Ourense.

2º.- Trasladarlles copia deste acordo ao Presidente do Goberno de España e ao Presidente da Xunta de Galicia.

SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA A PERSOAS SEN RECURSOS

Acordo:

A Deputación de Ourense amosa o seu máis firme apoio aos acordos adoptados a nivel estatal polo Congreso dos Deputados, así como tamén á iniciativa da FEGAMP para a protección das persoas e familias en situación de pobreza enerxética.

RATIFICACIÓN DA APROBACIÓN DOS NOVOS ESTATUTOS DO CONSORCIO DO CENTRO ASOCIADO DA UNED

Acordo:

1º.- Aprobar a modificación dos Estatutos do Consorcio do Centro Asociado da UNED.

2º.- Autorizar á Presidencia a subscribir un convenio de cooperación entre o Concello de Ourense e a UNED no que se recolla a aprobación do texto definitivo dos estatutos, así como a súa publicación, unha vez que se subscriba o convenio, no BOP.

POSTA EN VALOR E DIFUSIÓN DOS ASPECTOS RELACIONADOS CO BARALLETE DOS AFIADORES E OUTRAS XERGAS

Acordo:

1º.- Crear un grupo de traballo para a compilación de todo o relativo aos aspectos lingüísticos, filolóxicos, sociolóxicos, históricos, etcétera, relacionados co barallete dos afiadores, o barallete dos “xingros” e outras xergas que nun pasado non tan afastado floreceron na provincia de Ourense. Este equipo procederá á recollida de testemuñas do maior número posible de persoas que os usaron, e que aínda vivan, valorando tamén as posibles achegas de descendentes ou coñecidos directos.

2º.- Poñer en marcha accións para a organización de congresos ou exposicións, produción de documentais, edición de libros ou calquera outra iniciativa que contribúa á posta en valor e á difusión a esa manifestación da cultura e da historia da nosa provincia.

APOIO Á REHABILITACIÓN DO CAMPAMENTO ROMANO DE PORTOQUINTELA

Acordo:

1º.- Continuar apoiando as escavacións e traballos de rehabilitación no campamento romano de Portoquintela coa correspondente axuda económica, estudando a posibilidade de propoñer unha colaboración de carácter plurianual.

2º.- Axudar á Fundación Aquae Querquenae nas xestións precisas diante doutras administracións públicas e doutras entidades para fortalecer as súas actuacións, tendo en conta que estamos ante unha das cuestións histórico-patrimoniais máis relevantes da provincia de Ourense.

RESOLUCIÓN E APROBACIÓN DEFINITIVA DAS BASES DO PROGRAMA PROVINCIAL DE ASISTENCIA AOS CONCELLOS EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS PARA O 2017

Acordo:

1º.- Desestimar as alegacións formuladas polo Grupo Provincial Socialista e polos concellos de Vilamartín, A Rúa e Petín, polos seguintes motivos:

O Programa provincial BenOurense non impide a formación de UTES dos distintos concellos se estes son de menos de 5.000 habitantes, xa que non é función do dito programa nin prohibir nin permitir a dita cuestión. O programa limítase a financiar os servizos sociais comunitarios das entidades locais para que poidan dar cumprimento ás esixencias previstas no artigo 35 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, en relación co anexo 2 do dito decreto. Este programa nin autoriza nin permite a formación de UTES, limitándose a financiar as UTES e UNIS xa existentes. No caso concreto dos concellos reclamantes non consta que estean prestando este tipo de servizo social. En consecuencia, a modificación do programa para incluír o financiamento de servizos sociais comunitarios de entidades locais mancomunadas ou agrupadas mediante calquera outra fórmula pasa previamente pola constitución e creación do dito servizo por parte das ditas entidades locais, conforme coa vixente lexislación de servizos sociais. De feito, o programa actual acolle UTES de municipios de menos de 5.000 habitantes agrupados en mancomunidades (como o caso das mancomunidades de Verín, Carballiño, Ribeiro e Santa Águeda).

2º.- Estimar a alegación formulada pola Área de Benestar da Deputación Provincial de Ourense, modificando o prazo de adhesión establecido na base I, apartado B), quedando fixado no día 20 de febreiro de 2017.

3º.- Aprobar definitivamente as bases reguladoras Programa Provincial BenOurense de Asistencia Económica, Técnica e Xurídica aos Concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2017.

4º.- A aprobación do presente programa queda condicionada, no relativo ao incremento das subvencións da Acción I, á aprobación da oportuna modificación orzamentaria para a dotación do dito incremento. En caso de que a dita modificación orzamentaria non se chegase a aprobar, as contías das subvencións da Acción I serán as previstas no Programa BenOurense 2016.

5º.- Publicar as bases do programa no BOP.

RESOLUCIÓN E APROBACIÓN DEFINITIVA DAS BASES DO PROGRAMA BENOURENSE INFANCIA PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS PARA PUNTOS DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA E SERVIZOS COMPLEMENTARIOS DEPENDENTES DE CORPORACIÓNS LOCAIS PARA O 2017

Acordo:

1º.- Estimar a alegación formulada pola Área de Benestar da Deputación Provincial de Ourense, modificando o prazo de adhesión establecido na base I, apartado c), quedando fixado no día 20 de febreiro de 2017.

2º.- Aprobar definitivamente as bases reguladoras da convocatoria do concurso público do Programa BenOurense Infancia para a concesión de subvencións para puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios dependentes de corporacións locais para o exercicio 2017.

3º.- Publicar as bases do programa no BOP.

Xunta de Goberno

Por outra parte, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou axudas por importe de 107.885 euros para temas de deporte e infraestruturas. En concreto, aprobou tres axudas para o Concello de Oímbra, todas elas destinadas ao proxecto básico e de execución de adaptación de local para velorio, de 14.830 euros para o de Videferre, de 19.038 para o de Espiño, e de 16.364 para o de Bousés.

Para o Concello de Gomesende aprobou unha axuda de 41.000 euros para diversas obras en materia de reparación de pistas municipais. E para a Diócese de Ourense, aprobou unha axuda de 15.000 euros para a obra de rehabilitación da cuberta da Igrexa de San Mauro das Regadas, no municipio de Beade.

Por último, en materia de deporte, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 1.653 euros para a Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas para a promoción do judo.

30 de decembro de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.