O Plan de Emprego da Deputación destina uns 3 millóns de euros para contratacións nos concellos
A Deputación da Coruña destinará durante o ano 2017, a través do Plan de Emprego Local (PEL), un orzamento 3 millóns de euros para apoiar aos 82 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos. As bases completas do programa publícanse no BOP de hoxe luns, 26 de decembro.
Segundo subliñou o presidente provincial, Valentín González Formoso, “a Deputación pretende manter en 2017 a súa aposta polo emprego como a principal prioridade e o eixo transversal das súas políticas”. Neste sentido, a liña de apoio aos concellos do PEL, que en 2016 creou 519 postos de traballo nos concellos coruñeses, volverá a ter en 2017 un importante protagonismo para favorecer a inserción laboral das persoas con maiores dificultades e paliar as dificultades que a Lei Montoro impón aos municipios para a contratación de novo persoal.
En 2017 Deputación triplicará de novo o orzamento que se viña destinando a creación de emprego nos concellos, usando como criterio de distribución das axudas o número de persoas desempregadas en cada municipio en lugar do número total de habitantes, como se viña facendo ata 2015, de xeito que o reparto sexa máis equitativo e acorde ás necesidades reais en materia de creación emprego de cada concello. Tomando como base a porcentaxe de desempregados de cada municipio sobre o total de parados nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes establécese unha táboa de asignación económica por tramos que van dende os 19.000 aos 52.000 euros por municipio (ver táboa ao final da nota).
Como no caso doutros plans e subvencións provinciais, a convocatoria anticipada desta liña de axudas do PEL antes de que remate o ano permite aos concellos saber con antelación con qué fondos provinciais contarán en 2017 para a creación de emprego e planificar mellor as contratacións en función das necesidades concretas de cada municipio.
Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar, ata o 31 de decembro de 2017, os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal que se destinará á mellora dos servizos municipais básicos.
Os operarios contratados realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mantemento de alcantarillado e alumeado público, melloras no acceso aos núcleos de poboación e pavimentación de camiños, mantemento de parques e xardíns ou traballos nas bibliotecas municipais. A xornada mínima semanal será de 25 horas.
Destinado a persoas con dificultades de inserción laboral
A Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.
Dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas admininistracións públicas.
Así, a liña PEL-Concellos do Plan de Emprego da Deputación persegue un dobre obxectivo: por unha banda, mellorar a prestación de servizos e obras a nivel local por parte dos concellos que, debido á crise e ás restriciccións que afectan a todas as entidades locais, teñen dificultades para cubrir axeitadamente a prestación de servizos mínimos esenciais para a poboación e, por outra banda, favorecer a incorporación ao mercado laboral de persoas con necesidades especiais e con maiores dificultades para atopar un emprego.
30 millóns de euros para crear 3.000 empregos na provincia ata 2019
O PEL-Concellos é a primeira liña de actuación que se pon en marcha das tres con que contará o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña en 2017. O programa contempla un investimento global de 30 millóns no período 2016-2019 para estimular a creación de 3.000 novos postos de traballo directos nos sectores público e privado, así como apoiar as iniciativas emprendedoras nacidas na provincia.
Ademáis desta liña de apoio aos concellos para a xeración de emprego, a institución provincial publicará a principios de 2017 as bases dunha novedosa liña de apoio ás PEMES da provincia dotada con 3 millóns de euros, que subvencionará ás pequenas empresas da provincia ata o 75% dos custes salariais da contratación de novo persoal.
O PEL incluirá tamén en 2017 un programa de aopio ao emprendemento sostible e innovador, dotado cun orzamento de 1.480.000 euros, que inclúe accións de fomento da iniciativa empresarial, promoción dos viveiros de empresas e espazos de coworking.